A asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans, decidiu as datas nas que terá lugar a XVIII edición do Festival de Cans, que neste 2021 volverá celebrarse na primeira semana do mes de setembro, en concreto entre o mércores 1 e o sábado 4.
A organización decidiu repetir este ano unhas datas semellantes ás da pasada edición, e non retornar por agora ás súas datas orixinais de maio. A idea da organización é actuar con prudencia nos vindeiros meses, agardando a evolución da pandemia, mentres se asenta o proceso de vacinación da poboación.
Desde a organización, xa se foi comunicando esta data nas últimas semanas ós principais patrocinadores, institucións, e sobre todo ás veciñas e veciños que colaboran habitualmente co festival, ós que agradece o seu apoio incondicional en todo momento.
O pasado ano, arredor de 3.000 persoas pasaron por Cans no mes de setembro, para participar en todas as actividades do festival, realizado con estrictas medidas de seguridade e de máxima hixiene sanitaria, seguindo todas as normas de distanciamento. O festival optou tamén por vías seguras e alternativas á presenza física, como a retransmisión en streaming das principais actividades, que acadaron a extraordinaria cifra de máis de 3.000 espectadores complementarios, que poideron seguir o festival desde as súas casas.
Ademais, prevéronsen medidas como trazar un “escudo protector” sobre as persoas maiores da aldea e diminuir tamén o número de jalpóns, xunto cunha redución do aforo. Mesmo nestas circunstancias excepcionais, o festival discurriu con total normalidade, e desde a organización agárdase que a situación sanitaria poida mellorar ó longo dos próximos meses. Partindo da experiencia adquirida o pasado ano, a organización garante que traballará con prudencia e coa máxima responsabilidade.
Nos vindeiros días, o festival comunicará as datas estipuladas para o envío de obras a concurso e os prazos marcados. Varias son as novidades que se aplicarán con respecto a edicións anteriores.