Exposición de María Meijide

A INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DO PROXECTO CO QUE A COMPOSTELÁ MARÍA MEIJIDE RETRATA CANS DALLE INICIO Á SEMANA GRANDE DO FESTIVAL

Despois da boa acollida da retrospectiva Kleber Mendonça Filho a pasada fin de semana, continúan as actividades previas do Festival de Cans coa inauguración, ás 20 horas de mañá martes, da exposición ‘O sur de Galicia parece de Hopper’ (Cadernos de Cans). Nela, a artista plástica compostelá María Meijide (1978) presenta os traballos que fixo en Cans nos últimos anos. A pintora traballou neste proxecto a partir de motivos da aldea e a súa paisaxe natural e humana. Polas obras desfilan veciñas da Cans coma a señora Alicia, a icona do can amarelo, ou o impacto da autovía na vida da aldea. A mostra inaugúrase ás 20 horas no Círculo Recreativo Cultural (CRC) do Porriño, onde permanecerá aberta ata o día 31 de setembro.

María Meijide visitou o Festival de Cans hai tres anos e despois, e co aopio do certame, realizou varias estadías artísticas na aldea. O resultado de anos de traballo é  ‘O sur de Galicia parece de Hopper’ (Cadernos de Cans). As obras retratan esa Galicia do sur, periurbana, e salferida de estradas e polígonos industriais.  E fanlle unha chiscadela ás pinturas realistas do estadounidense Edward Hopper,(1882-1967): nos cadros do pintor norteamericano, a arquitectura e maila paisaxe conflúen nunha beleza industrial desvencellada e moi recoñecible.

A inauguración da exposición de María Meijide, especializada en pintura figurativa de formato grande e cadernos de viaxes, será a primeira actividade da semana grande do Festival de Cans, que se celebra entre o mércores e o sábado.  O certame traballa na promoción do diálogo entre o cinema e outras disciplinas artísticas. De aí que organice estadías para creadoras e creadores na aldea, que xa deran resultados en anos anteriores coma o libro ‘Cans’, de Carlos Meixide. O seu autor volverá facer este ano un  roteiro cinéfilo-literario pola aldea para o público do Festival. Será o vindeiro venres 3, ás 10,30 horas. Para participar nesta actividade de balde e cun aforo reducido a 20 persoas, é preciso inscribirse na tenda en liña do Festival de Cans: https://tenda.festivaldecans.com/.

Esgótanse as entradas pa o Festival de Cans 2021

A venda de entradas avanza rapidamente na XVIII edición do Festival de Cans. Apenas queda aforo dispoñible para a sección oficial de ficción e animación, as curtas a concurso que se proxectan este sábado día 4, o día grande do certame. E a programación musical está a piques de pendurar o cartaz de ‘sold out’.

Os concertos programados polo Festival de Cans tamen exploran, en boa medida, na relación entre música e cinema. É o caso da actuación de Maika Makovski, tamén creadora de bandas sonoras para películas. Xa esgotou entradas. E apenas quedan para as presentación de ‘Chisme‘, o proxecto musical do dramaturgo e actor ourensán Fernando Epelde. O aforo para a gala final e o concerto de Ses leva días esgotado.

A venda de entradas en liña pecharase o martes, 31 ás 23.59 horas. Por motivos relacionados co rexistro dos asistentes e derivados do protocolo Covid, dese día en diante non se venderán máis entradas,  Tampouco poderá inscribirse ninguén para ninguna activdade. Nin se venderán entradas o día do Festival.

Mesmo se está a rexistrar unha moi alta demanda de artigos conmemorativos do certame coma as camisetas, con moitas tallas xa esgotadas. As que aínda están dispoñibles, o mesmo cás tazas ou chaveiros, poden mercarse nos puntos de venda de Nikkis Galicia, na Tenda Tía Tata no Porriño, ou no Bar de Olga en Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *