Javier Cámara e Mónica López en Rapa

A ESTREA DA SERIE RAPA, ESTE XOVES NA APERTURA OFICIAL DO XIX FESTIVAL DE CANS

O Festival de Cans arranca os chimpíns este xoves, coa apertura oficial da XIX edición do certame. Por primeira vez, este ano o título escollido para dar o disparo de saída é unha serie, Rapa, a nova creación do equipo da exitosa Hierro, con Jorge Coira e Elena Trapé na dirección.

A retrospectiva de pezas curtas de Margarita Ledo, a proxección do primeiro documental de Javier Tolentino, que realizará un programa de radio desde o Torreiro, as presentacións de libros do espazo LendoCine, a Noite Lasal dos Videoclips ou o concerto de Sila Lua son algunhas das propostas para a terceira xornada do festival, na que tamén se presentará o proxecto Lingua rodada dos Cans do Futuro coa participación do coñecido actor Rubén Riós.

A estrea do primeiro capítulo da serie Rapa, en simultáneo na plataforma Movistar +, terá lugar ás 20.30h no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. Alí acudirá en chimpín unha ampla representación do reparto deste thriller, rodado na serra da Capelada, coa coprotagonista Mónica López á cabeza. Ademais de Mabel Rivera, Lucía Veiga, Eva Fernández, Santi Prego e Ricardo de Barreiro, estará tamén o seu creador e guionista, Pepe Coira, e a directora de produción de Portocabo, Ana Míguez. Ao remate da proxección, con entrada libre ata completar cabida, participarán nun coloquio co público asistente.

Nesta terceira xornada da semana grande, o Festival de Cans inclúe tamén na súa programación a primeira parte de Sinais furtivos, unha retrospectiva de pezas curtas de Margarita Ledo. A cineasta, que este ano recibe o Premio Pedigree, estará o venres en Cans no segundo pase dos dez filmes desta compilación, algúns deles inéditos e esparexidos por varios arquivos e que o Festival de Cans rescata a modo de traxectoria vital da directora.

Retrospectiva de curtas de Margarita Ledo

MESA SOBRE DISTRIBUCIÓN E MARÍA CASARES NOS ENCONTROS DESTE XOVES

O Baixo de Carlos acollerá encontros entre profesionais do audiovisual o xoves pola mañá. Co título Onde imos proxectar as nosas películas? desenvolverase unha mesa sobre distribución coa experiencia recente das cintas María Solinha e Malencolía. Intervirán o director da primeira,Ignacio Vilar, pioneiro en fórmulas de éxito na distribución das súas películas, a xornalista cultural María Yáñez, exploradora tamén de alternativas fóra das convencionais, e Pablo Baños, terceira xeración de Baños Filmes, empresa histórica da distribución de películas en Galicia.

María Casares volverá centrar o segundo dos tres coloquios AISGE, 100 anos da nosa máis grande actriz: María Casares, coa presenza do escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello e de Sabela Hermida, actriz estudosa desta referente do teatro europeo. Ambos sumaranse pola tarde no Porriño ás presentacións de libros de LendoCine. Javier Tolentino, Ignacio Vilar, Luis E. Froiz e Diego Giráldez serán outros dos participantes nesta sección, que se celebra no Parque do Cristo do Porriño a partir das 17.30 h. Despois da presentación as autoras e autores asinarán os seus libros a quen así o desexe, xa que haberá un espazo adicado aos libros relacionados co festival.

concerto Sila Lua
A artista viguesa, Sila Lua, actuará na Noite Lasal.

Dous anos despois, as rúas do Porriño volven ser un dos escenarios destacados do festival. Por elas pasarán este xoves 19 os chimpíns e celebrarase o concurso de pintura rápida Pintar o Cine con Galpi. Galicia de Pinturas é un dos numerosos patrocinadores desta XIX edición, en total máis dunha vintena, que fan de Cans o festival con maior número de apoios privados de Galicia.

Outro dos fieis soportes do Festival de Cans é Lasal Cocinas na noite do concurso de videoclips, que principia ás 22 h na praza do Concello con 15 traballos a competición este ano. Trala proxección, ás 23.30 h será a quenda da música urbana e a electrónica experimental da viguesa Sila Lua que pechará a xornada de apertura oficial do XIX Festival de Cans.

*Na imaxe de apertura: Javier Cámara e Mónica López, na rodaxe de Rapa. A actriz estará na estrea, xunto a Pepe Coira e outros membros do equipo, como Mabel Rivera, Lucía Veiga e Santi Prego. Foto: Jaime Olmedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *