Dende o Festival de Cans queremos impulsar un decálogo de medidas para promover a visibilidade das mulleres, particularmente as mulleres creadoras, dentro de todas as nosas seccións e homenaxes. Algunhas delas xa se foron tratando de introducir nas edicións anteriores, pero agora buscamos darlle unha maior énfase e formalizar o noso compromiso, facéndoo patente na vindeira a edición.
Comprometémonos tamén a facerlles chegar este decálogo a outros certames de cine, música e artes escénicas, así como a asociacións, institucións sectoriais e Administracións Públicas, co ánimo de que as impulsen tamén entre os criterios das súas convocatorias e axudas.
Desde a organización do Festival de Cans consideramos que a presenza feminina no cine e nos seus ámbitos é moi escasa, polo que pretendemos xerar un debate e invitar á reflexión para buscar solucións. A elaboración deste decálogo é, polo tanto, un punto de partida, con vontade de introducir todas as melloras posibles que axuden a equilibrar a presenza das mulleres en todos os ámbitos dos festivais.
En definitiva, no festival queremos desenvolver iniciativas propias para fomentar a relación de igualdade, visibilizar a achega das mulleres á sociedade en todos os seus ámbitos, e sobre todo no eido audiovisual, e mais crear espírito crítico ante a desigualdade entre homes e mulleres. Responde á nosa vontade xeral de facer pequenas achegas para mellorar a sociedade, máis alá de organizar un festival. Esta é unha das varias iniciativas que faremos públicas este ano, intentado crear un evento que sexa autocrítico e reflexione sempre sobre cal pode ser a súa contribución á sociedade.
Decálogo para promover a visibilidade das mulleres
1. O xurado principal do festival (7 persoas), terá como mínimo unha participación do 40% de mulleres de recoñecido prestixio do mundo da cine e os seus ámbitos.
2. O xurado das veciñas e veciños de Cans (5 persoas), terá como mínimo unha participación do 40% de mulleres elixidas entre as veciñas de Cans.
3. O xurado do concurso de videoclips (4 persoas), terá como mínimo unha participación do 50% de mulleres profesionais de recoñecido prestixio do mundo do cine ou da música.
4. O Festival de Cans comprométese a dar visibilidade e recoñecer o traballo das profesionais mulleres no seu máximo recoñecemento, o Premio Pedigree. O compromiso é reforzar a visibilidade do seu labor profesional, e que non pasen máis de dúas edicións consecutivas sen que sexa recoñecida unha muller.
5. O Festival de Cans comprométese a contar na selección oficial de curtas a concurso co maior número de mulleres realizadoras posibles, en función da calidade artística e do material recibido.
6. O festival de Cans comprométese a contar na selección oficial de videoclips a concurso co maior número de realizadoras posibles en función da calidade artística do material recibido.
7. O Festival de Cans comprométese a reforzar os coloquios que desenvolva dentro da súa programación coa presenza do maior número de mulleres creadoras posible.
8. Na sección “A que andas”, destinada á posta en valor de guións que están próximos a producirse (5/6 proxectos), o festival comprométese a realizar unha selección dun mínimo dun 40% de guións escritos ou dirixidos por mulleres.
9. Na sección “Fill@s de Cans”, destinada a mostrar as primeiras imaxes de filmes inéditos que se van estrear (5/6 proxectos), o festival comprométese a realizar unha selección dun mínimo dun 40% de filmes dirixidos ou producidos por mulleres.
10. O Festival de Cans comprométese a incorporar o maior número de mulleres posibles en lugares de responsabilidade e coordinación de áreas específicas do festival.