- O público poderá acceder ás curtas a partir deste xoves ás 18,00 hs, durante toda a fin de semana, abonando un prezo de 2 euros por cada un dos tres bloques de curtas, e accedendo a través da web www.festivaldecans.gal.
- Todo o diñeiro recadado a través destas proxeccións será repartido entre as curtametraxes participantes.
- Obras como a premiada “Xoves de Comadres” de Noemí Chantada, o Premio de Animación “El gran Corelli” de Abel Carbajal, ou “Todo el mundo se parece de lejos” de Rafa de los Arcos, entre as que se exhibirán.
Cans. O Porriño. 16 de setembro de 2020. O Festival de Cans abrirá por vez primeira nos seus dezasete anos de historia unha versión online para que o público poida ter acceso na rede ás 13 obras que formaron parte da Sección Oficial do Festival, 9 delas na categoría de ficción e 4 na de animación. A maior parte delas foron estreas absolutas, ou ben estreas en España ou ben en Galicia.
A partir de mañá xoves, ás 18,00 hs. e durante toda a fin de semana ata o vindeiro domingo 20 de setembro á medianoite, as obras estará dispoñibles na páxina web do certame -www.festivaldecans.gal-, nun proxecto que conta co soporte tecnolóxico de Vimeo e foi posible grazas ao traballo desenvolto nas últimas semanas pola empresa porriñesa Quadralia.
Esta nova versión online complementa o obxectivo do certame nesta edición, de darlle ás curtametraxes a maior visibilidade posible, nun contexto dunha situación sanitaria marcada pola drástica reducción de aforos e as limitacións físicas.
A Sección Oficial de Cans puido verse primeiro no propio Festival, a pasada semana en nove salas de cine de toda Galicia e nun autocine. Esta semana culminará o seu ciclo coa versión online.
Nesta primeira edición en liña do Festival de Cans, as películas organizaranse en tres bloques de aproximadamente 50 minutos cada un. Cada bloque poderá ser visionado a un prezo de 2 euros, pero tamén se pode mercar un abono para visionar todas as curtas a un prezo de 5 euros. Os pagos faranse a través da plataforma PayPal. O acceso a través da web ofrece tamén a posibilidade de consultar os tráilers e a información sobre selecciónese premios de todos filmes.
Unha gran selección de curtametraxes
Entre os filmes que participaron este ano na competición oficial do Festival de Cans, e que agora poderán verse na súa edición online, está Xoves de Comadres, de Noemí Chantada, a gran vencedora do certame con catro galardóns: os do xurado, o público, e o do xurado dos veciños e veciñas á Mellor Curtametraxe e o premio ao Mellor Guión. Xoves de Comadres chegara a Cans poucos días despois de obter dous premios na sección oficial do Festival de Málaga.
Tamén poderán verse 16 de decembro, de Álvaro Gago, a curta que obtivo os premios á Mellor Dirección e á Mellor Fotografía –polo traballo de Laura C. Pan– e que obtuvo seleccións nalgúns dos máis prestixiosos festivais do mundo, como o de Locarno. Ou El Gran Corelli, de Abel Carbajal, que se fixo no Festival de Cans co premio á Mellor Curta de Animación e que xa formara parte das sección oficiais no Festival de Sitges e no de Málaga.
O público tamén poderá ver nas curtas caras coñecidas da gran pantalla coma a da actriz Bruna Cusí, que obtivera un Premio Goya pola súa interpretación en Verano 1993, e que gañou este ano en Cans o Premio Aisge á Mellor Interpretación Feminina polo seu traballo en Todo el mundo se parece de lejos, de Rafa de los Arcos.
Completan a relación de películas que se poderán visionar na primeira edición en liña do Festival de Cans a animación Reality, de David Fidalgo Omil, finalista nos Goya en 2019 por Homomaquia e que tivo no certame porriñés a súa estrea absoluta, ou Season, a cinta de animación da realizadora italiana afincada na Coruña Giovanna Lopalco que obtivo o Premio Animario Praza Río de Matadero Madrid.
Tamén estarán disponibles obras coma Mare de Guille Vázquez, un filme que tamén foi seleccionado para a competición oficial da máis recente edición do Festival de Málaga; Blacks or Whites de Anita Pico, creadora seleccionada no programa de novos talentos New Creatives da BBC ; Mentres iso pasa, dirixida por Nacho Ozores e que se fixo en Cans co Premio ao Mellor Actor para Denís Gómez; e Conte Trencat, de Miguel Gago, a curta que obtivo na edición máis recente do Festival o galardón á Mellor Banda Sonora, composta por Mario G. Cortizo.