-
- Será a primeira vez que a exposición “Fuera de Escena”, do porriñés Rubén de Marina se exhiba en Galicia, despois de pasar por Matadero de Madrid.
- Na exposición de fotografía e textos explórase a relación coa morte con actores e actrices coma Luis Tosar, Itziar Castro ou Óscar Jaenada,
- O espazo da traseira do Centro Cultural, acollerá esta inauguración, que contará coa actuación da artista porriñesa Noemí Fernández, e conta coa apoio da Concellería de Cultura.
Cans. O Porriño. 31 de agosto de 2020. ¿Cal sería a expresión da túa cara se vises a morte de fronte? Esa é a pregunta na que se basea a exposición “Fuera de Escena”, cuxa inauguración na noite deste martes -20 horas- na traseira do Centro Cultural do Porriño suporá a previa do XVII Festival de Cans.
No proxecto artístico, desenvolto polo escritor Rubén de Marina, natural de Cans, e máis o fotógrafo Sebastián Cocucci, participan 16 actores e actrices, entre eles Luis Tosar, Itziar Castro, Óscar Jaenada e Yolanda Ramos.
A mostra estivo exposta na Sala Matadero de Madrid e chega a Galicia por vez primeira e suporá a previa ás actividades do Festival de Cans no Centro Cultural do Porriño. Deste xeito, o certame dalle continuidade a unha liña de programar exposicións, comezada a desenvolver o pasado ano, no que Cans promoveu a exposición fotográfica “Outra pel, outro rostro”, de Cris Andina.
Na inauguración de “Fuera de Escena”, prevista para as 20,00 horas deste martes, estarán presentes os autores Rubén de Marina e Sebastián Cocucci e Cami Moreira, en representación da Concellería de Cultura do Concello de o Porriño que patrocina esta iniciativa. A partir desta hora, haberá visitas guiadas á exposición en grupos dun máximo de 10 persoas. As persoas que agarden a súa quenda, poderán desfrutar da excepcional voz da artista porriñesa Noemí Fernández, finalista de La Voz Kids e do Tour Music Fest europeo, que preparou un repertorio especial para a ocasión con cancións vencelladas con películas. Deste xeito, esta previa do festival ten intención de ser un espazo para dar visibilidade ó talento dos artistas locais.
Seguridade: rexistro obrigatorio
Como xa comunicou o certame nos últimos días, só poderán acceder ás proxecións e actividades do festival as persoas que estén rexistradas ou mercaran unha entrada.
Para asistir a calquera das actividades do Festival de Cans deste ano haberá que ter entradas, ou haberá que rexistrarse, no caso das actividades de balde. Esta política forma parte dos protocolos anti-covid postos en marcha dada a situación sanitaria. E este á o caso tamén do evento de inauguración da exposición “Fuera de Escena”: quen queira asistir debe inscribirse enviando un correo electrónico ao seguinte enderezo: biblioteca@porrino.org.
“Fuera de Escena” poderá verse ata o 30 de setembro de 10 a 14 horas na traseira do Centro Cultural, un espazo no que o Festival de Cans programará este ano outras actividades coma a súa sección Lendo Cine, a proxección dos videoclips a concurso ou o concerto da artistia viguesa Babykatze.
O rexistro para asistir á exposición pode facerse, sen custe, na tenda en liña do Festival de Cans -https://tenda.festivaldecans.com/-. Alí tamén se poden mercar, só ata a medianoite do día de hoxe, as entradas para asistir ás actividades de pago.