A alerta sanitaria derivada do Covid-19 mantén en vilo á organización do Festival de Cans, que tampouco permanece allea a esta situación. Aínda que o festival segue traballando co horizonte posto nas datas previstas inicialmente para a celebración do evento, do 19 ao 23 de maio, non se descarta un posible aprazamento.
A forma na que están a desenvolverse os acontecementos, non permite asegurar neste momento que a situación vaia estar normalizada a finais de maio. Por este motivo, a organización busca actuar con prudencia e garantir que a protección da saúde prevaleza como criterio irrenunciable á hora de tomar calquera decisión.
Desde os primeiros días de marzo, o festival está en contacto coas autoridades sanitarias e acatará as súas recomendación á hora de tomar unha decisión sobre a celebración do evento. A decisión definitiva, en todo caso, tomarase no prazo máximo dun mes, e irase informando tamén ás veciñas e veciños da aldea que colaboran co festival para mantelos ao tanto dos pasos que se vaian dar.
Outro dos factores a ter en conta son os numerosos desprazamentos previstos de cineastas e artistas desde fóra de Galicia e desde diversos países de Europa e mesmo de América, cuxas entradas e saídas están sendo moi restrinxidas. Polo tanto, a volta á normalidade será un requisito imprescindible para facer posible, dende o punto de vista loxístico, a celebración do Festival.
AGRADECEMENTO AO PERSONAL SANITARIO E SOLIDARIEDADE COS FESTIVAIS DE CINE APRAZADOS