O FESTIVAL DE CANS RECIBE UN TOTAL DE 251 OBRAS PARA PARTICIPAR NAS DIVERSAS COMPETICIÓNS

O Festival de Cans celebrará este ano a súa XVII edición do 19 ao 23 de maio, ampliando a súa programación de catro a cinco días, e volveu obter unha magnífica resposta por parte das creadoras e creadores galegos. O prazo para a recepción de curtametraxes rematou con 251 obras inscritas para participar nas catro seccións oficiais do certame, unha cifra similar á da última edición, aínda que se rexistrou un incremento de pezas de ficción. Esta cifra volve situar ao festival coma un referente imprescindible para o sector audiovisual galego.

Do total de obras inscritas, 88 aspiran a entrar na selección final na categoría de ficción, 45 na sección Furacáns dirixida a traballos de non ficción, 10 curtas no apartado de animación e 85 videoclips. Presentáronse, ademais, 23 traballos no apartado de outras obras, para o que se recibiron diversos formatos como documentais, webseries, musicais e mesmo longametraxes.

As obras foron enviadas por realizadoras e realizadores galegos dende dez países diferentes. Entre as que teñen a súa orixe en Europa, hai pezas procedentes de Francia, Reino Unido, Portugal, Italia, Suíza ou Suecia, pero recibíronse tamén traballos dende o continente americano, de países como Estados Unidos, Ecuador ou Arxentina e mesmo de Asia, con curtas rodadas en Líbano ou Palestina. Todas elas son creacións de cineastas que teñen a súa orixe en Galicia pero desenvolven o seu traballo noutros países. Son, maioritariamente, pezas de grande calidade, de entre as que sairán as obras finais que comporán as seccións a concurso e as seccións paralelas do XVII Festival de Cans.

Nestes momentos, o equipo de selección do Festival traballa no visionado e na análise de todas as obras presentadas para realizar a selección final daquelas que serán proxectadas nos ‘jalpóns’ de Cans  e entrarán en competición.

Tanto na ficción como na non ficción, a categoría coñecida coma Furacáns, apréciase un gran salto cualitativo, o mesmo que na animación, onde segue habendo unha produción relativamente pequena, pero de gran calidade. Na sección de videoclips, as obras inscritas son un bo resumo da diversidade musical galega, con estilos que van do folk ao rock, pasando polo trap, a electrónica ou o pop, así como obras que optan por diversos camiños narrativos no eido audiovisual.

Unha das principais novidades da próxima edición do certame será a ampliación dos días de programación, o que suporá todo un reto de esforzo e loxística para a organización e outro aspecto a destacar será o incremento da contía total dos premios. Nesta edición distribuiranse 9.100 euros entre as distintas categorías, superando por vez primeira dende o nacemento do certame a barreira dos 9.000 euros.