ABERTA A CONVOCATORIA PARA A XVII EDICIÓN DO FESTIVAL DE CANS

O Festival de Cans abre este martes 17 de decembro a convocatoria de envío de obras a concurso para a súa XVII edición, que terá lugar nesta aldea de O Porriño entre o 19 e o 23 de maio de 2020, sumando un día máis de festival respecto á edición anterior.

Desde este martes e ata o 1 de marzo estará aberto o prazo para o envío de obras nas categorías de curtametraxes de ficción, animación ou non ficción, así como videoclips ou webseries, tendo como condición que todas as obras deben ser de produción galega e realizadas entre os anos 2019 e 2020.

O festival tamén recibirá longametraxes e calquera tipo de obra susceptible de poder ser programada ou presentada nas seccións paralelas, dando prioridade en todas as categorías ás obras que aínda non fosen estreadas. Todas as obras poderán ser inscritas gratuitamente a través da web do festival (consultar as Bases).

Por vez primeira na súa historia, o certame rebasará a barreira dos 9.000 euros en premios, que se repartirán entre as trece categorías a concurso, ademáis do característico Can de Pedra,  prezado trofeo realizado polo artesán Paco Candán, que reciben as gañadoras e ganadores de cada categoría.  En total serán 9.100 euros, cuxas cantidades máis importantes estarán destinadas ó Premio á mellor curta do xurado, con 2.000 euros, os Premios á mellor curta de animación e mellor curta do público con 1.500 euros e o premio á mellor curta de non ficción, denominada Furacáns, que aumenta a súa cantidad ata os 1.200 euros, e 500 euros para o mellor videoclip. Como na edición anterior, haberá un total de catro xurados específicos para otorgar estes galardóns.

Cans estase a converter nas últimas edicións nun festival de referencia, cun palmarés do que están saíndo excepcionais creadoras e creadores. Entre eles, a curtametraxe de animación “Homomaquia” de David Fidalgo, que recibiu unha mención especial do xurado en Cans, e competirá por un Goya no vindeiro mes de xaneiro, ou “Limbo” de Dani Viqueira, Premio do xurado, que leva acadados trinta premios internacionais e está entre as finalistas á mellor curta europea de xénero fantástico.

UNHA CLÁUSULA PIONEIRA NA INSCRICIÓN DAS CURTAMETRAXES A CONCURSO

Todas e todos aqueles que accedan á web do festival para inscribirse, deberán cumprir coas súas obras as habituais condicións das Bases, que este ano incluirán por vez primeira unha cláusula pioneira. A través desta nova cláusula, a organización reservarase o dereito de excluír da competición a curtametraxes cuxos responsables fosen condenados por calquera delito tipificado como violencia de xénero, ou condenados por delitos que a organización poida considerar de gravidade como para formar parte dos concursantes do certame.

Con esta clásula inédita ata agora nas Bases dos festivais de cinema, Cans quere seguer afondando na súa sensibilidade en relación á violencia de xénero e a cuestións como a igualdade. Hai case catro anos, en febreiro de 2016, o certame adoptara xa outra iniciativa pioniera ó poñer en marcha o seu Decálogo pola visibilidade das mulleres no audiovisual, un mecanismo de autorregulación que aplica transversalmente en cada edición, en aspectos como directoras a competición, paridade nos xurados e nos equipos de selección de curtas, ou presenza en áreas de relevancia da organización do festival.

Cans anticipouse deste xeito en máis de dous anos á chamada Carta de Paridade que en 2018 foi asinada por moitos dos grandes festivais de cine internacionais como San Sebastián, Cannes, Locarno ou Venecia.