Mañá xoves 16 de maio, o Festival de Cans porá a venda as derradeiras entradas para acudir ás proxeccións das curtametraxes da Sección Oficial desta 16º edición e para asistir a outras actividades e sesións paralelas de pago.
As persoas que queiran adquirir tickets anticipados poderán facelo de forma presencial no punto de venda que se abrirá entre as 19h e as 21h no Local Parroquial de Cans. No caso de non esgotarse, as entradas tamén se poderán mercar no posto de merchandising durante os propios días do certame, do mércores 22 ao sábado 25. Os compradores e compradoras poderán recoller tamén de forma gratuita nese momento o catálogo con información ampliada de toda a programación (só os que compren entradas para animación e ficción ou FuraCans).
As entradas para ver as curtas de Ficción e Animación (en sesión de mañá ou de tarde) custan 12€, mentres as de FuraCans – Non ficción teñen un prezo de 6€. Nesta edición, aumentan a programación audiovisual e musical do Invernadoiro de Mucha do Peso: o evento que xunta a actuación de Chisme coa estrea da película SYD dirixida por Fernando Epelde ten un prezo de 5€. Ao igual que a presentación do disco Fulgor de Budiño máis a retrospectiva dos seus videoclips e a estrea do espectáculo de videopoesía Melancoholemia de Antón Reixa, que tamén teñen un prezo de 5€ cada actividade. Por último, tamén se poderán adquirir a un prezo de 3€ os pases para ExtraCans, a sección paralela de curtas internacionais, e as entradas para o Jalpón dos Oscar, no que se proxectarán as curtas Madre de Rodrigo Sorogoyen e Timecode de Juanjo Giménez e na que contaremos coa presenza dos dous directores.