O realizador alemán Hannes Stöhr asistirá ao Festival de Cans, que se celebra do 22 ao 25 de maio, para protagonizar a primeira retrospectiva internacional da historia do certame. A súa presenza subliña a liña de internacionalización que centra esta 16ª edición, unha nova vía na que visibilizar o traballo de directoras e directores ligados a Galicia procedentes doutros lugares do mundo, sen deixar nunca de lado ás creadoras e creadores do país, protagonistas das seccións competitivas e parte fundamental do Festival de Cans.
A panorámica dedicada ao director Hannes Stöhr (Stuttgart, 1970) achegará a Cans as catro longametraxes que compoñen a súa filmografía ata a data. Formado na Deutsche Film- und Fernsehakademie de Berlín, Stöhr viaxou por todo o mundo para aprender idiomas. Unha das súas paradas foi Santiago de Compostela, onde conectou a principios dos anos noventa coa escena que tiña como epicentro a desaparecida Sala Nasa. Alí establecería amizades con actores e actrices como Miguel de Lira, Luis Tosar e Blanca Cendán (que máis tarde formarían parte do elenco na película Galatasaray-Dépor) e directores como Jorge Coira.
Logo do seu regreso a Alemaña comezou unha interesante carreira como cineasta. En 2001 estreou na Berlinale a súa primeira película, Berlin is in Germany, obtendo entre outros o Premio Panorama do Público, un filme que transcorre nun Berlín reunificado trala caída do muro. A súa estadía en Galicia foi determinante para realizar o seu seguinte filme One Day in Europe (2005), traducido aquí como Galatasaray-Dépor, unha película que tamén se estreou no Festival de Cine de Berlín e que está formada por catro historias que suceden en catro países diferentes no día dunha hipotética final da Champions entre o Galatasaray de Estambul e o Deportivo da Coruña. En 2008 dirixiu Berlin Calling, unha película que se centra na vida de excesos e festas do DJ Martin Karow, interpretado polo músico Paul Kalkbrenner, que compuxo tamén a banda sonora do filme. Foi estreada na Piazza Grande dentro do Festival de Locarno. O seu filme máis recente, Global Player (2013), que non chegou a estrearse nas salas de cine españolas e terá en Cans a súa estrea en Galicia, fálanos da influencia da globalización nunha pequena empresa familiar do textil do sur de Alemaña.
As súas películas, que se poderán ver na Sala Ingrávida do Porriño nos días previos ao certame e durante o propio Festival de Cans, están moi marcadas pola temática social, con doses intelixentes de comedia e uns personaxes que se definen polo pouso underground e a influencia inevitable do cosmopolitismo de Berlín, cidade que aparece nos seus filmes coma un personaxe máis.
Encontros e reencontros
Nesta primeira retrospectiva internacional do Festival de Cans contaremos coa presenza de Hannes Stöhr, na actualidade exerce tamén de profesor de dirección e guión na Universidade de Stuttgart, para para participar en encontros co público e en reencontros con algúns dos seus colaboradores galegos. Deste xeito, participará no Café con CREA desta edición, onde debullarán sobre o oficio de dirixir cinema acompañado por Fon Cortizo, membro da directiva de CREA, e Jorge Coira, amigo e colega de profesión. Este encontro terá lugar no Baixo de Moncho o venres 24 de maio, e as persoas asistentes serán convidadas a un café pola nova marca colaboradora do festival, Cafés Dromedario.
A participación de Stöhr no Festival completarase coa presentación de Global Player, o seu filme máis recente, e tamén haberá oco para coñecer un adianto do guión da súa vindeira longametraxe, na que retomará a conexión Galicia-Alemaña a través duns vínculos que coñeceremos en Cans.