Xa están á venda as primeiras 450 entradas para Cans 2019

Hoxe martes 9 de abril ás 10.00h poñeranse á venda na tenda online do festival (tenda.festivaldecans.com) os primeiros 450 packs de entrada máis camiseta, que inclúen como agasallo unha chapa exclusiva e o programa de man.

Estas entradas, 150 para a sesión matinal e 300 para a sesión de tarde, dan o acceso á proxección das curtametraxes da sección oficial a concurso de ficción e animación do sábado 25 de maio.

Nesta XVI edición reformulamos os horarios de tarde para as seccións a concurso de ficción e animación, que terán lugar entre as 16h30 e as 20h30. Desta forma, concentramos todas as proxeccións antes do concerto de tarde no Torreiro, co obxectivo de que o público quede libre despois e poida asistir a outras actividades do festival.

Os packs poderán adquirirse a través da tenda oficial do Festival de Cans e estarán compostos por: entrada + camiseta + chapa + programa de man. O seu prezo de saída será de 21,50 euros (o total dos artigos por separado teñen un custe de 27 euros, o que supón un aforro de 5,5 euros).

A venda estará activa ata o próximo domingo 28 de abril ás 23h59 e os packs poderán recollerse nas diferentes tendas de Nikis Galicia e na tenda Tía Tata do Porriño.

CONSELLOS PARA REALIZAR A COMPRA

* É importante ler con atención as condicións de compra.

1. Prestade atención á hora de elixir os atributos de produto (número de entradas, talles de camiseta e tenda de recollida). Salvo circunstancias de forza maior non admitiremos cambios.

2. Talle das camisetas. Existe unha guía de medidas na descrición do produto (as camisetas tallan de forma similar ás de pasadas edicións).

3. Ás 24 / 48 horas de realizar a compra, o sistema envía un correo electrónico cunha entrada virtual e un localizador (unha entrada virtual por compra), coa que se deberá recoller o produto mercado na tenda elixida. Revisade a carpeta de SPAM do correo que ás veces pode ir parar aí.

4. Os packs de entrada + camiseta poderase recoller na tenda seleccionada a partir do día 2 de maio (non antes). Será preciso mostrar a entrada virtual ou comunicar ao responsable da tenda o nome completo e localizador.

5. O programa de man ao que se ten dereito de xeito gratuito non se recolle nas tendas elixidas, recóllese durante os días de celebración do evento no posto de merchandising (un programa por entrada).