O Festival de Cans recibirá este ano o Premio da Cultura Galega na modalidade de audiovisual. É unha gran noticia para o noso festival, xa que este recoñecemento, é un dos premios máis relevantes da cultura galega. Convocados pola Xunta de Galicia, estes galardóns son concedidos por un xurado de prestixiosas personalidades do mundo da cultura.
O Festival de Cans quere agradecer os centos de mensaxes públicas e privadas recibidas e as felicitacións que temos recibido por este premio que se concederá no mes de Decembro nun acto institucional en Compostela. Así mesmo, queremos facer partícipes deste premio as veciñas e veciños de Cans, a directoras e directores, actrices e actores, guionistas, produtores e persoas do cinema en xeral, ademáis de todo o público que nos segue e ás compañeiras e compañeiros que se esforzan en organizar outros festivais de cinema en Galicia.
Con este galardón, o Festival de Cans convértese nun dos eventos culturais máis recoñecidos de Galicia, despois de ter recibido en 2009 o Premio da Crítica á mellor iniciativa cultural de Galicia e no 2011 o Premio da Deputación de Pontevedra ó proxecto cultural máis innovador.
Ademáis, no 2010, o Festival de Cans recibiu o Premio do Círculo Recreativo Cultural de Porriño á Cultura e no 2013 o Premio Internacional Ateneo de Ourense ó fomento da cultura. Fóra de Galicia foi recoñecido como festival revelación no Festivalito de La Palma (2007) e co Premio Ascaso (Aragón) pola promoción do cinema de autor no mundo rural.
Estamos moi orgullosos de ter recibido este novo premio, que nos anima a seguir traballando para a vindeira edición.