Na presente edición do 2018 foron 126 os postos de traballo xerados ao longo dos catro días de Festival (fronte aos 110 da pasada edición). Desa cantidade, 53 persoas foron dadas de alta pola organización a través de contatación directa para cubrir tarefas como produción, servizo en barras, transporte de convidados, venda de tickets, merchandising ou apartados educativos. No tocante ao número de profesionais autónomos aos que o Festival contratou os seus servizos, 19 persoas desenvolveron o seu traballo en tarefas como deseño, comunicación e redes sociais, fotografía, realización audiovisual ou como técnicos de proxección. Ademais cabe destacar que outras 52 persoas traballaron no Festival de Cans a través de empresas contratadas específicamente para o evento, que desenvolveron o seu traballo e eidos como a iluminación, son, montaxe de carpas, cátering, limpeza e seguridade, véndose sobre todo estas dúas últimas áreas notablemente incrementadas con respecto a edicións anteriores.
Malia a intensa chuvia caída o venres en Cans, os autobuses que trasladaron ó público desde O Porriño funcionaron a pleno rendemento, transportando a case 3.000 persoas nos dous días do festival. Unha cifra a salientar, é que só o sábado pola mañá os autobuses trasladaron 1.100 persoas ata a aldea atraídas pola sesión matinal da sesión de curtametraxes, pola programación das actividades infantís ou polo polo coloquio de Fernando Trueba no Espazo Mahou da Leira da Alicia, o máis concurrido da historia do festival con arredor de 600 persoas que abarrotaron a leira.
Ademais, coma noutras edicións, o Festival puxo especial incidencia no servizo de autobuses e inodoros adaptados para persoas con mobilidade reducida, así como na mellora dos accesos que hai na aldea conseguindo que se puidese chegar ao 90% dos espazos con cadeira de rodas a pesar das dificultades e desniveis dunha zona rural como Cans.
Economía de quilómetro 0
A filosofía do Festival de Cans implica contratar preferentemente os seus servizos a autónomos, empresas e pequeno comercio de O Porriño, promover o comercio de proximidade e favorecer na medida do posible o desenvolvemento dos negocios locais. Por iso, o Festival continúa fomentando a economía de quilómetro 0 contribuíndo a unha ocupación hoteleira do 100% e promovendo o consumo en establecementos e pequenos comercios locais.
Antes do comezo do Festival cubriuse por completo a oferta hoteleira da zona, polo que numerosas persoas tiveron que buscar aloxamento en Tui, Ponteareas ou Vigo. Ademais, o certame tamén fai unha labor de dinamización da economía local na contratación de personal de hostelería extra nos negocios e nos hoteis durante os días da súa celebración.