Onte tivo lugar na Praza do Concello a gran festa dos videoclips da Noite GIA: proxectáronse as dezaoito pezas a concurso que amosan o estado actual da creatividade da música e o audiovisual galego, nun evento que rematou por todo o alto, co público bailando coa cumbia de Esteban & Manuel.
O momento máis emocionante sucedeu, coma sempre, cando o xurado revelou o vídeo gañador. A realizadora Paloma Zapata, o músico, xornalista e director Eduardo Herrero e o crítico e escritor Fernando F. Rego decidiron outorgar o seu premio a “Omertá”, videoclip dirixido por Gero Costas para BALA. Destacaron a complexidade técnica da peza por tratarse dun complicado plano secuencia, e subliñaron entre os seus valores “plasmar o espírito do grupo, integrando a imaxe e a canción, transmitindo moita forza, enerxía e visceralidade”, ademais do carácter directo do seu estilo e a súa gran capacidade para aproveitar os recursos dos que dispón.