Hoxe venres a programación de Cans vén cargada de momentos emocionantes, incluíndo o que é probablemente o máis emotivo do Festival: a Noite das Homenaxes. A produtora Chelo Loureiro colocará a súa estrela no Torreiro e recibirá o Premio Pedigree’18, máximo galardón do Festival de Cans, en recoñecemento á súa aposta polos novos talentos, o seu traballo continuo no desenvolvemento do cinema de animación e a súa loita pola visibilidade das mulleres no audiovisual. Non será a única homenaxeada: a actriz Isabel Blanco e os veciños Constante Romero e Chelo Casalmorto recibirán o Chimpín de Prata ‘Premio Pepe Puime’, nunha Noite das homenaxes que tamén acollerá a estrea de Catorce Cans, o making of de Isaura Docampo do Festival de Cans de 2017.
A Noite das homenaxes terá lugar no Torreiro ás 22h30, e ao seu remate terá lugar un dos concertos máis esperados desta edición, xa que Triángulo de Amor Bizarro chegarán a Cans para presentar o seu novo EP El Gatopardo e tocar os seus grandes éxitos. Antes, ás 21h00 no Espazo Mahou da Leira de Alicia, terá lugar outro momento especial co Concerto Mahou Cinco Estrellas de Depedro, que repasará o repertorio dos seus catro discos coa intimidade do formato acústico. As e os fans de Depedro terán ademais a oportunidade á tarde de ver Casamance: la banda sonora de un viaje, o documental de Paloma Zapata sobre a súa viaxe a Senegal na busca do lendario musico Lamine Konté.
O audiovisual que vén
O Festival de Cans procura ano tras ano servir de escaparate para o cinema que está por vir, atendendo a cineastas que comezan pero tamén creando dous espazos para proxectos aínda en progreso: A que andas? e Fillas e Fillos de Cans. No primeiro deles, que se celebrará no Baixo de Moncho ás 13h00, contamos coa colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas para abordar cos seus autores e autoras o guion de filmes dos próximos filmes de Ángeles Huerta (O corpo aberto), Olga Osorio (Einstein-Rosen), Ignacio Vilar (María Solinha 2.0), Roi Fernández e Laura Villaverde (Ursúas), Roque Cameselle (A granxa dos malditos) e Borja Cobeaga (Intríngulis), que tamén protagonizará ás 10h00 da mañá o coloquio do Café con CREA, organizado en colaboración coa Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia. Pola outra banda, en Fillas e Fillos de Cans serán aqueles e aquelas cineastas que pasaron polo festival en momentos iniciais da súa carreira quen presenten os seus novos proxectos: Jaione Camborda (Arima), Dani de La Torre (La sombra de la ley), Xacio Baño (Trote), Lois Patiño (Tempo vertical), Javi Camino (Nación de muchachos), Guillermo de Oliveira (Desenterrando Sad Hill) e Blas Lamazares (3). Será ás 16h30 tamén no Baixo de Moncho, e completará esta serie de encontros con profesionais do audiovisual o terceiro dos Coloquios AISGE, titulado Acoso sexual: fin do tabú? e protagonizado por Nieve de Medina, Tamara Canosa e Nieves Rodríguez.
E ademais…
Entre o resto da programación do Festival de Cans para hoxe venres destaca a inauguración da exposición retrospectiva de “O Bichero” de Luis Davila. O popular debuxante xa retratou Cans en varias ocasións nas súas viñetas e poderemos ver no Cans Voulevar unha selección delas. Tamén se iniciará hoxe MiniCans, a programación infantil do Festival, co obradoiro Da imaxinación á pantalla, ofrecido pola Obra Social La Caixa no marco da súa iniciativa Participa Méliès. Nel, a rapazada realizará curtametraxes con efectos especiais sinxelos e a axuda dunha tablet para cada participante. Completan o programa o desfile de chimpíns das 22h00 (coa música da Treboada Baixo Miño), a Sesión Discochimpín de David van Bylen e tres das actividades das que o público de Cans xa desfrutou estes días: un novo programa en directo de El séptimo vicio con Javier Tolentino, un novo roteiro cinéfilo-literario de Carlos Meixide e máis actividades escolares en Cans do Futuro.