Mañá xoves, o Festival de Cans terá filme de apertura por partida dobre. Se habitualmente é unha longametraxe a encargada de inaugurar o Festival logo da Noite dos veciños e veciñas do mércores, este ano o público terá a oportunidade de desfrutar de dúas películas moi esperadas: A estación violenta e British Winters. A estación violenta é o filme debut de Anxos Fazáns, unha novísima do cinema galego que adapta aquí libremente a primeira novela de Manuel Jabois. Alberto Rolán, Nerea Barros e Xosé Barato protagonizan esta historia de carácter xeracional que relata o reencontro entre tres amigos de xuventude nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante. A directora e os protagonistas presentarán o filme ás 20h00 no Círculo Recreativo Cultural xunto con parte do equipo, e participarán no desfile de chimpíns que sairá ás 19h30 da Praza do Concello, co acompañamento musical de Os Zoqueiros.
Antes, ás 17h00, o Círculo acollerá a estrea en España doutro filme de carácter xeracional que reafirma o apoio do Festival ás novas camadas de profesionais do audiovisual: British Winters é a primeira longa de imaxe real do tudense Roque Cameselle, logo do seu debut na animación con O pequeno mago. Co-dirixida co británico Andrew Turner, a película é unha comedia social na que un mozo xa non tan mozo busca cambiar o seu estilo de vida inspirándose na súa irmá pequena. Os dous cineastas estarán no Porriño para presentala.
Noite GÍA dos videoclips
Outro dos momentos máis esperados do xoves é o concurso de videoclipsdo Festival de Cans, un evento de enorme popularidade que representa o gran escaparate do último que se está a facer en Galicia e que remata sempre cunha gran festa, este ano coa música a cargo de Esteban & Manuel. A selección deste ano reflicte a rica diversidade de grupos e de creadores, con estilos moi variados no musical e no visual. Á tarde estas e estes cineastas compartirán as súas experiencias no encontro Dálle caña do Bar Liceum, acompañados polo xurado dos clips, que estará formado por Paloma Zapata -realizadora-, Fernando F. Rego -crítico musical e escritor-, e Eduardo Herrero, xornalista, músico e director. Herrero estará tamén a cargo de presentar o evento principal ás 22h00 na Praza do Concello, onde se proxectarán os seguintes clips:
- “Fai o que queiras”, de Montse Piñeiro para Peña
- “Sobre el mismo alambre”, de Miryam Pato para Silvia Penide e Eladio Santos
- “Sal y sangre”, de José Miguel Sagüillo para Selvática
- “Papá borracho”, de Mar Catarina para Ataque Escampe
- “The Battle of the Good Men”, de Pablo Banga e Antonio Caeiro para You dog
- “Devalo”, de Rubén Domínguez para A Veces Ciclón
- “Primavera negra”, de Sara Chuerches para Linda Guilala
- “Volve a canción protesta”, de Xaime Miranda para Oh Ayatollah
- “Hoy”, de Javi Camino para Disco las palmeras!
- “Camiños”, de Adrián Canoura para Baiuca
- “Acto I: O fío vermello”, de Juan Pirola para Ezetaerre
- “Puertohurraco”, de Daniel Alonso e Gemma Marqués para Breakin’ Bones
- “Mar”, de Rubén Domínguez para PANTIS
- “Isla futura”, de Soledad Rebollo para Pólvora
- “Eu non sei por que”, de Alicia Alonso para BoyankA KostovA
- “Suicidio tímido”, de Xoan Escudero para Chicharrón
- “Finlandia”, de Xaime Miranda para Mequetrefe
- “Omertá”, de Gero Costas para BALA
Máis aló do audiovisual
O Festival de Cans ofrece moitas máis marabillas que as que se poden ver nunha pantalla. Así, o xoves tamén haberá gastronomía e o público poderá degustar as Tapas de cine preparadas polos cociñeiros Mahou Lucía Freitas (do Restaurante A Tafona) e Beni Couso (da Taberna Patouro). Por se fose pouco, tamén terá lugar a gran inauguración da Can Parade ás 21h30 na Praza do Concello, coa oportunidade de ver como diferentes artistas reimaxinan a figura do Can de Cans. E haberá asimesmo espazo para a reflexión pola mañá en Cans, co coloquio AISGE Igualdade: que avanzamos dende o ano anterior?, no que intervirán as actrices Berta Ojea e Mariana Carballal, e o encontro sobre subtitulado e linguas minorizadas que xuntará ao experto universitario Pablo Romero-Fresco co cineasta Alfonso Zarauza. Completan o programa unha nova gravación en directo de El séptimo vicio de Radio 3, un novo roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide e as actividades escolares de Cans do Futuro.
XOVES 24 DE MAIO
10h00 | Cans do Futuro | Baixo de Bugarín
11h00 | Roteiro cinéfilo-literario con Carlos Meixide | Saída da Rotonda do Can
11h30 | Coloquio AISGE: Igualdade: avanzamos algo desde o ano pasado? Con Berta Ojea, Tamara Canosa e Mariana Fernández | Baixo de Moncho
13h00 | Encontro sobre subtitulado e linguas minorizadas con Pablo Romero-Fresco, Alfonso Zarauza e Álvaro Gago | Baixo de Moncho
16h00 | Radio 3 en directo: El séptimo vicio, con Javier Tolentino | Casa do Cid
17h00 | Filme de apertura: British Winters. Cos directores Roque Cameselle e Andrew Turner | Círculo Recreativo Cultural
18h00 | Dálle caña! Encontro de realizadoras e realizadores de videoclips. Con Paloma Zapata e Alfonso Pato | Bar Liceum
19h00 | Chegada de Os Zoqueiros para amenizar a procesión de chimpíns | Praza do Concello
19h30 | Saída da procesión de chimpíns | Praza do Concello
20h00 | Filme de apertura: A estación violenta. Coa directora Anxos Fazáns e os intérpretes Nerea Barros, Alberto Rolán, Xosé Barato, Antonio Durán “Morris” | Círculo Recreativo Cultural
20h30 | Showcooking cos cociñeiros Mahou Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, e Beni Couso, do restaurante Patouro | Praza do Concello
21h30 | Inauguración da Can Parade | Praza do Concello
22h00 | Noite Gia. Concurso de videoclips. Presentado por Eduardo Herrero | Praza do Concello
23h30 | Concerto: Esteban & Manuel | Praza do Concello