O Festival de Cans reforza a súa programación infantil co MiniCans máis completo da súa historia

Festival de Cans continúa nesta 15ª edición a súa aposta por atender a todos os públicos, e faino reforzando e ampliando MiniCans, a súa programación infantil.entorno do Parque do Río e espazos emblemáticos do festival como o Cuberto de Antonio, o Baixo de Carlos ou o Cuberto de Pato acollerán o venres 25 e o sábado 26 toda unha serie de actividades pensadas para que as desfruten as familias e, en particular, as nenas e nenos de máis de 3 anos. Dende as 17h00 do venres haberá obradoiros, música, proxeccións, maxia e ata unha degustación de Galletas Mariñeiras cortesía de Daveiga. A área do Parque, deseñada pola veciña de Cans e interiorista Isis Rodríguez, contará con postos de comida e parque infantil, todo elo pensado para facilitar o desfrute e participación da rapazada. Tanto o Parque como as salas permiten a total accesibilidade con carros de bebé, e o Festival poñerá autobuses adaptados dende o centro do Porriño ata Cans para facilitar o acceso á aldea. As entradas para as actividades de pago (O cinematomagoTherefilme Unha vida de cine) están dispoñibles xa a un prezo de 3 euros en tenda.festivaldecans.com, ata as 23:59 deste mércores.

A primeira actividade de MiniCans será o venres, co obradoiro de cine “Da imaxinación á pantalla”, do proxecto Participa Méliès que impulsa a Obra Social La Caixa, e do que o de Cans é o único festival galego escollido para participar. Nel, os pequenos e pequenas inícanse no cinema aprendendo a realizar unha curtametraxe empregando efectos especiais sinxelos á maneira do pioneiro da séptima arte Georges Méliès, e cunha tablet individual para que cada persoa do curso poida desenvolver a súa creatividade. O taller pode facerse conxuntamente entre toda a familia e está pensado para maiores de 8 anos.

O sábado tamén haberá oportunidade de aprender sobre cinema na Caixiña dos Mistos, unha vella caravana dos anos setenta acondicionada para o visionado de filmes e que estará aparcada no Parque do Río. Alí, ademais dun obradoiro de curtas con móbil impartido por Mr. Misto, haberá proxeccións periódicas de curtas. Esta actividade está feita co apoio de Gadis, fiel colaborador do Festival de Cans. Completa o programa de obradoiros o contacontos ilustrado sobre María Casares de Polo Correo do Vento, titulado Unha vida de cineno que nenos e nenas escoitarán un conto a medida que trazan un storyboard e aprenden sobre a vida da lendaria actriz galega.

Se no obradoiro de Polo Correo do Vento as rapazas e rapaces poden aproximarse ao cinema dende o debuxo, o programa de MiniCans tamén lles dá a oportunidade de facelo dende a maxia ou a música. Así, o Mago Paco levará a cabo o seu show O cinematomago, no que converte escenas de clásicos do cine nun espectáculo máxico en directo. A maxia estará presente doutra maneira co theremin de Paulo Nimoy: este instrumento musical deixa abraiado a calquera público cando se ve que quen o manexa non o toca, senón que o controla movendo as súas mans arredor dunha antena. O público máis novo terá a ocasión de desfrutalo en Therefilme, unha proxección didáctica na que Nimoy poñerá música en directo co seu theremin a diferentes secuencias, para explicar a relación entre imaxe e banda sonora de xeito divertido.

A parte de música e audiovisual complétase coa actuación e retrospectiva de clips de Magín Blanco, un dos referentes da música para nenas e nenos en Galicia e que estreará tamén en directo a canción oficial que compuxo para este Festival de Cans: “Cans & Cadelas”. A derradeira actividade de MiniCans será unha sesión de curtas de animación producidas por Chelo Loureiro, a homenaxeada co Premio Pedigree nesta edición do Festival. Unha parte fundamental do seu traballo son obras infantís aclamadas e premiadas pola súa calidade, e contaremos coa súa presenza para presentar tres delas, que teñen en común o seu carácter de conto: A flor máis grande do mundo, de Juan Pablo Etcheverry, O soldadiño de chumbo, de Virginia Curiá e Tomás Conde, e O xigante, de Julio Vanzeler e Luis da Matta Almeida.

Entradas e horarios

As entradas para O cinematomago, Therefilme e o contacontos ilustrado de Polo Correo do Vento poden adquirirse xa en tenda.festivaldecans.com a un prezo de 3 euros cada unha, con 65 á venda para Therefilme e 45 para cada unha das outras dúas actuacións. Todas as demais actividades serán de acceso libre ata completar aforo (45 persoas no Cuberto de Pato e 65 no Cuberto de Antonio). O prazo de venda remata o mércores 16 ás 23:59. O programa completo é o seguinte:

VENRES 25
17h30 | Parque do Río e Baixo de Carlos
Obradoiro de cine “Da imaxinación á pantalla” – Participa Méliès
20h00 | Baixo de Carlos
Proxección das obras realizadas no obradoiro “Da imaxinación á pantalla”

SÁBADO 26
11h00 | Baixo de Carlos
Proxección de curtas da iniciativa Participa Méliès
13h00 | Baixo de Carlos
Retrospectiva de videoclips de Magín Blanco
13h30 | Parque do Río
Concerto de Magín Blanco
16h00 | Parque do Río
A Caixiña dos Mistos. Inicio de proxeccións periódicas de curtametraxes
16h00 | Parque do Río
Obradoiro de curtas de animación con Mr. Misto
16h30 | Cuberto de Pato
O cinematomago, co Mago Paco
Prezo: 3€
17h30 | Cuberto de Antonio
Therefilme, con Paulo Nimoy
Prezo: 3€
19h00 | Cuberto de Pato
Unha vida de cine, con Polo Correo do Vento.
Prezo: 3€
20h00 | Parque do Río
Proxección das curtas realizadas no obradoiro de Mr. Misto
20h30 | Cuberto de Antonio
Sesión de curtas de animación producidas por Chelo Loureiro