Os videoclips finalistas do concurso de clips do Festival de Cans proxectáronse a pasada fin de semana en Oviedo. As proxecións tiveron lugar no Campo San Francisco, dentro do Espazo Oviclip, coordinado polos nosos colegas do Festival Oviclip, e no marco das festas de San Mateo.
Este espazo tivo unha interesantísima programación da que formou parte o Festival de Cans. Igual que outras proxecións previas das curtas gañadoras en lugares como a Sala Ingrávida no Porriño, o Concello de As Neves ou o Teatro Valadares de Caminha en Portugal, Cans segue coas súas proxecións itinerantes buscando espallar a obra de directoras e directores novos e, no caso de Oviedo, de realizadoras e realizadores de clips e dos grupos de música galegos de diversos estilos que configuraron a selección do noso concurso de clips.
En vindeiras datas, daremos a coñecer máis lugares onde se proxectará a obra de creadoras e creadores que pasaron por Cans.