O venres 26 de maio, tivo como protagonistas aos creadores e creadoras nas primeiras horas da xornada no Café con CREA, protagonizado polo director Guillermo García e membros da asociación, e nas nosas seccións “A que andas?” e “Fill@s de Cans”. Nelas puidemos coñecer os próximos traballos que están a preparar José Antonio Quirós, Diana Toucedo, Carlos Gutiérrez e Mamen Quintas, Luis Solarat, Alberto Vázquez, Ángel Manzano, Roberto G. Méndez e Enrique Otero, Andrea Zapata-Girau, Antonio Rodríguez e Aubin Hellor, as Also Sisters e Isabel Ayguavives.
Pasado o mediodía, o xornalista Julio Ruiz visitou a Sala Multiusos de Cans co seu programa Disco grande, de Radio 3. Este programa, que na actualidade é o máis lonxevo da radio española, presta atención aos sons máis actuais, de aquí, foráneos e do pop cunha pegada indie. Nel puidemos escoitar a música e voz de Eladio Santos interpretando o noso himno oficial desta edición do Festival, á artista Cora Sayers ou a última canción do que será o novo traballo de Terbutalina, “Sonido Esteiro”.
Neste terceiro día de Festival o audiovisual pon a súa mirada na catástrofe do Prestige, que sucedeu hai 15 anos. O director Daniel Guzmán protagonizou o momento máis enotivo da xornada coa proxección do seu documental Mar de Fondo e o posterior coloquio que contou cun emocionadísimo Suso de Toro conversando sobre o filme. Hai quince anos e aguilloado pola rabia que lle produciu esta catástrofe, Guzmán decidiu coller unha cámara e percorrer a costa galega de punta a punta neses días infernais de 2002. Esta peza documental é un retrato sociolóxico de mariñeiros, xente da rúa, voluntarios e políticos que viviron uns dos episodios máis convulsos da historia recente de Galicia.
Para quecer o ambiente de cara á Noite das Homenaxes, León Benavente ofreceu un concerto no Espazo Mahou da Leira de Alicia. Tras visitar as principais salas e festivais máis recoñecidos do circuíto independente español, León Benavente aterrizou en Cans co seu segundo álbum, “2”, na man e encandilaron a todo o público con el esgotando as entradas nas horas previas ás súa actuación.
- Premio do xurado: Oh! Ayatollah, “Mi re la”. Dirixen: Xaime Miranda e Antón Miranda
- Premio do público: Igloo, “Restos de un naufragio”. Dirixe: Fran X. Rodríguez
Ademais, para rematar, fixemos entrega do Premio Pedigree ao gran Miguel de Lira que colocou posterioremente a súa estrela no Torreiro das Estrelas
Tralo acto, Corizonas, a superbanda resultante da unión de Arizona Baby e Los Coronas achegou ata Cans un album soberbio, “Nueva dimensión vital”, un innovador proxecto repleto de sorpresas onde a banda, sen perder a súa identidade, amosounos un explosivo directo co que fixo vibrar a todo o Torreiro de Cans.