O Festival de Cans volve estimular ás súas veciñas e veciños para que se lancen de pleno ao sector audiovisual ofrecendo unha nova edición do seu curso de gravación edición e montaxe impartido polo realizador Juanma Lodo. Tras o éxito acadado o ano pasado, un grupo de dez persoas de todas as idades desenvolverá un proxecto que, nesta ocasión, terá a emigración como tema principal. A escolla da temática ven propiciada polo obxectivo de traballar co patrimonio oral e a historia viva que constitúen as persoas maiores da aldea. As veciñas e veciños que conformen o grupo de traballo construirán un arquivo de antigas imaxes que o festival gardará edición tras edición para que non se perdan co paso dos anos.
O obradoiro, que se impartirá dende o primeiro sábado de marzo ata o mes de maio, terá un prezo de 20€ para a xente que colabore de xeito habitual coa organización do Festival de Cans, e de 40€ para o público xeral, tendo preferencia na inscrición este primeiro grupo. Todas as persoas interesadas en participar neste curso que se levará a cabo na sede do Festival de Cans deberán chamar ao 679433076 ou enviar un correo electrónico a festivaldecans@festivaldecans.com, indicando o seu nome, idade, lugar de residencia e teléfono de contacto antes do xoves 2 de marzo ás 14h00.
As progresións semanais dos alumnos e alumnas durante o curso poderán verse no blogue Cans 303, espazo no que o profesor Juanma Lodo publica de xeito habitual pezas con nocións básicas sobre o eido audiovisual e onde narrará o día a día das diferentes sesións que se levan a cabo. Está previsto que o alumnado reciba a visita de varios técnicos e realizadores para que os aconsellen durante a súa formación, tal e como xa aconteceu o ano pasado con profesionais do sector como Enrique Otero.
O proxecto final que xurda desta iniciativa será proxectado durante o festival, ao igual que se fixo co documental “Ponte a última”, un traballo sobre a memoria dos bares pechados na aldea. Dende a organización agárdase que con este evento se volva vivir tanta emoción e implicación no “Día dos veciños” como sudeceu na pasada edición, momento no que a xente de Cans se converte na auténtica protagonista nunha xornada de celebración e convivencia interxeneracional.