A Asociación Arela, organizadora do Festival de Cans, xa decidiu as datas do evento na súa XIV edición que terá lugar do mércores 24 ó sábado 27 de maio, último fin de semana dese mes.
Nestes momentos, a organización traballa para tratar de reunirse coas institucións públicas. En breve agardan manter unha reunión co Concello do Porriño, para “tratar de continuar a boa sintonía do pasado ano e seguir na liña que levou a que varias actividades se realizaran con éxito no centro do pobo”.
Desde hai dous meses, o Festival ten solicitada unha reunión coa Deputación de Pontevedra da que segue “sen obter resposta e o seu posible apoio ó festival a estas alturas resulta preocupante e incerto”.
Do mesmo xeito coa Xunta de Galicia, a través de Agadic, coa que varios festivais agardan unha reunión para manisfestar a súa discrepancia “co sistema obsoleto de axudas a festivais e a opacidade coa que se están concedendo as mesmas a eventos que non se axustan á convocatoria de concorrencia competitiva á que se presentan a maioría dos festivais”.