O audiovisual continúa a expandirse hoxe no Festival de Cans nunha xornada marcada pola posta en valor dos creadores e creadoras galegos. Máis como xa é habitual aquí, non todo é cinema e a parroquia anegarase tamén polas propostas musicais. Unha delas é a de Iván Ferreiro, que enche os oídos e os corazóns de milleiros de afeccionados ao mellor pop-rock dende que nos 90 Los Piratas tenderon pontes entre o indie e o mainstream. Leva 13 anos en solitario, ensanchando os camiños da súa música en media ducia de discos repletos de cancións brillantes: “Turnedo”, “El equilibro es imposible” ou “Años 80”. Iván Ferreiro estará en concerto as 20h00 na Leira de Alicia-Espazo Mahou, con acceso libre ata completar o aforo limitado a 400 persoas (as pulseiras para entrar poderán recollerse a partir das 17h00 no posto de merchandising do festival).
Pola súa banda, Óscar D’Aniello chega a Cans de estrea total. Primeiro, porque nos presentará o seu documental Ciao Pirla!, que narra a súa emotiva odisea en bicicleta dende Barcelona ata Milán para levar as cinzas do seu pai ao seu lugar de orixe. E segundo, porque trala súa aventura de máis duhna década con Delafé y Las Flores Azules, presenta o seu novo proxecto musical, Delafé, e o seu primeiro disco con esta nova formación, La Fuerza irresistible. Un arsenal de cancións vitalistas que consolidan unha versatilidade moi pouco común na composición musical: pop, hip-hop, soul, funk, electro, disco, o seu inconfundible parafraseado, a súa enerxía incombustible e a autoría de mensaxes bala.
No noso novo espazo para o esparcemento, a Leira de Alicia-Espazo Mahou, haberá sesión DiscoChimpín con Edu Romero DJ. Vigués, baixista dos desaparecidos Nadadora, cofundador de Coconut Producciones e apaixonado da música. Como bo fan do underground dos 90s e dos ritmos bailables promete un dos momentos máis movidos do festival. Ángel Carmona, que hoxe foi o noso espertador coa emisión en directo dende Cans de Hoy empieza todo, será tamén o encargado do peche da festa. Doses de boa música e un compendio de axitados guitarrazos nunha sesión Disco Chimpín só apta para os máis animados.