Mañá comeza o XIII Festival de Cans!

Mañá mércores arrinca a XIII edición do Festival de Cans na que, dende o 18 ao 21 de maio, a parroquia porriñesa se convertirá no epicentro do noso audiovisual. Serán catro días de celebración arredor da música e o cine na edición máis multidisciplinar do certame, que este ano incorpora á súa programación danza contemporánea, videocreación, literatura ou gastronomía. A primeira xornada será, un ano máis, o Día dos Veciños e Veciñas, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente de Cans. Tamén arrinca mañá Cans do Futuro, a actividade do festival ideada para os escolares. Ademais, este ano refórzase esta sección cun concurso de curtametraxes organizado en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. As mellores pezas proxectaranse en Cans como premio.

_DSC8151

O Festival de Cans non sería posible sen o papel que cada ano xogan os seus veciños e veciñas. Dende os máis novos que se converten nos “Guías dos camiños” ata os máis veteranos que levan anos prestando as súas propiedades e poñendo o seu traballo a disposición de todo o mundo. A xente de Cans é ademais protagonista activa no festival, participando en producións audiovisuais e actuacións musicais, recibindo premios e homenaxes, traballando na equipa organizadora, ou decidindo que curtas merecen o recoñecemento da veciñanza. Este ano os encargados desta labor serán cinco persoas ben coñecidas na parroquia:

  • Andrés Saavedra, “Andrés da Cesteira”. Ten 85 anos e naceu no barrio da Carreira. Gran conversador e contador da vella memoria da aldea. Soldador xubilado, despois de traballar durante décadas no estaleiro de Barreras.
  • Dulia Neves Leça, “Duli”. Vive no barrio dos Eidos e ten 56 anos. Naceu en Portugal pero residente en Cans desde hai moito tempo. Traballa como vendedora ambulante.
  • Mari Carmen Rodríguez Quintas, “Carmiña de Placer”. Do barrio da Pedreira. Ten 45 anos e adícase habitualmente ao coidado de persoas maiores.
  • Manuel Sousa, “Manolo o portugués”. Ten 56 anos e vive no bonito barrio das Laxes, ao pé da ruta dos Muíños. Dedícase á construción.
  • Fermina Fernández, “Fermina do Pouso”. Do barrio da Graña. É a persoa de maior idade que formou parte dun xurado na historia do festival de Cans. Ten 91 anos moi ben levados. Fermina traballou durante a súa vida como costureira polas casas e como vendedora ambulante, sempre combinando coa dura vida do traballo no campo.

DSCN2251

A primeira xornada da XIII edición do Festival botará a andar ás 10h00 con rapaces e rapazas de colexios e institutos de toda Galicia. Os estudantes terán, como en anos anteriores, encontros con actores e directores que van pasar polo festival e aprenderán a facer diferenciacións entre as diversas tipoloxías de obras audiovisuais. Ademais, tamén asistirán a unha serie de encontros con actores e actrices, organizados por Aisge (Artistas Intérpretres, Sociedad de Gestión), polos que nesta edición pasarán, entre outros, Federico Pérez e Isabel Blanco.

A tarde comezará ás 16h30 no Baixo de Bugarín para proxectar unha escolma de booktrailers de novas realizadoras como Noel Queipo ata realizadores recoñecidos como Mario Iglesias, pasando pola vía máis experimental de Esferobite, abrindo unha nova porta para a creación que mestura literatura e audiovisual, e continuará ás 18h00 coa proxección de “Visións”, un filme colaborativo feito por realizadoras da provincia de Pontevedra comisariado por Xisela Franco e Beli Martínez.

AF_cartel_cinema_e_muller_vweb

Nesta edición as veciñas e veciños de Cans lanzáronse de cheo á produción audiovisual. Durante todos os sábados do mes de febreiro, dez persoas de entre os 12 e oa 60 anos, asistiron a un curso de técnicas de gravación, edición e montaxe impartido polo realizador porriñés Juanma LoDo, moi ligado a Cans e o Festival con traballos propios como “O túnel do tranvía de Mondariz”, “A carretera de Cans” ou “Cans do futuro”. Tras o curso, os veciños e veciñas continuaron co desenvolvemento de todas as fases de traballo do proxecto ata chegar á grabación e á montaxe. O resultado final leva por nome “Ponme a última!”, unha curtametraxe documental que fai un percorrido pola memoria dos bares pechados de Cans. A súa estrea terá lugar mañá ás 21h00 no Baixo de Bugarín.

Consultade aquí toda a programación!