A segunda xornada do festival de Cans estivo marcada pola emocionante homenaxe que se viviu na aldea ao músico vasco Kepa Junquera, que estivo acompañado por moitos amigos cos que conta en Galicia que se desprazaron a Cans para esta ocasión tan especial. Como non podía ser doutro xeito a homenaxe estivo chea de música e de moitas emocións. Kepa foi acompañado por unha ruada musical con veciños, amigos e o grupo Petóns de Saiáns dende o Torreiro de Cans ata o Jaliñeiro que dende hoxe leva o seu nome. Alí tivo lugar unha actuación musical e, posteriormente,houbo no Baixo de Carlos unha proxección de dous documentais dedicados á súa figura.
Durante o percorrido, Kepa recibiu o cariño dos veciños que aínda se lembran da histórica actuación que o músico vasco protagonizará hai dez anos no Jaliñeiro, acompañado polo acordeonista da Costa da Morte Pazos de Merexo. Cúmprese tamén dez anos da publicación do disco “Galiza”, co que Junquera rendía homenaxe a unha terra moi querida para el. As consecuencias dun ictus impiden ao artista vasco poder tocar dende hai anos pero a súa pegada musical e humana quedou en Cans e en moitos lugares de Galicia para sempre.
Entre os amigos que estiveron presentes na homenaxe estaban os músicos Anxo Pintos, Xosé Manuel Budiño, Xabier Díaz e a cantante Uxía. Durante a homenaxe o director do Festival de Cans, Alfonso Pato, fixo referencia á calidade humana e artística de Junquera e pediu para el a concesión da Medalla de Galicia “pola súa contribución á música galega e o cariño que sempre mostrou hacia ela”. Uxía, amiga persoal do músico vasco, dedicoulle unha canción que o propio Kepa seguiu con xestos dos seus brazos dende a cadeira de rodas. A homenaxe foi moi emocionante e Kepa mostrouse en todo momento moi animado e fixo moito xestos irónicos, característicos da súa personalidade marcada polo sentido do humor que segue a estar moi presente.
O acto terminou co descubremento dunha placa no Jaliñeiro que dende agora leva o nome de Kepa Junquera e onde actuaron nos últimos anos artistas como Coque Malla ou Radio Océano, entre outros. O artesano Alberto Oliveros, amigo de Junquera, fíxolle entrega dunha pandeireta especial para que o artista a poida sumar á súa colección.
COLOQUIO AISGE
A xornada contou durante a mañá coa celebración dun coloquio, patrocinado pola Fundación Aisge, no que participaron os actores Eduardo Rodríguez “Tatán” e Deborah Vukusic e o coordinador da Área Asistencial da Fundación Aisge, Iván Arpa. Os tres falaron sobre a situación actual da profesión de actor, un traballo que aínda está moi precarizado. Arpa aludió a alguns datos dun recente informe da Fundación Aisge no que se indica que un 47% dos actores e actrices galegos sobreviven con menos de 6.000 euros de ingresos ao ano. Aínda que a situación pode parecer moi mala o certo é que no resto de España a porcentaxe de actores nesta situación elévase ao 60%.
Deborah Vukusic sinalou que a esta mala situación económica dos actores súmase no caso das actrices o feito de que cada vez hai menos papeles para mulleres que alcanzan unha certa idade. Neste sentido Iván Arpa apuntou que as diferenzas salariais entre homes e mulleres no sector aínda existen pero están a producirse cambios e pode agardarse que en 5 ou dez anos poidan verse máis avances neste sentido.
Pola noite está prevista en Cans a Noite dos Veciños, no que haberá cine, homenaxes e música para que os verdadeiros protagonistas do festival poidan disfrutar dunha noite especial dentro do evento. Estreárase o documental “Don Cesáreo, o cura da Vespino”, haberá a presentación do xurado dos veciños e actuarán as Pandereteiras de Cans e o grupo AcordeCans, entre outras actividades.
HOXE XOVES APERTURA OFICIAL E COLOQUIO SOBRE “O CORNO”
A xornada de hoxe xoves contará con varios eventos destacados, como o coloquio que habera no Torreiro ás 13:00 coa presenza da directora do premiado filme “O Corno”, Jaione Camborda, e a actriz Janet Novás, veciña de Cans e galardonada cun Premio Goya na última edición.
Xa pola tarde terá lugar a apertura oficial do festival coa proxección no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño da película “Alumbramiento”, do director catalán Pau Teixidor, protagonizada por Sofía Milán e coa actriz galega María Vázquez no reparto. A partir das 22:30 horas celébrarase na Praza Antonio Palacios do Porriño a Noite Lasal, no que se elixirá o mellor videoclip musical galego do ano.