Retrospectiva internacional de Valerie Massadian

O FESTIVAL DE CANS ADICARÁ A SÚA RETROSPECTIVA INTERNACIONAL Á CINEASTA FRANCO-ARMENIA VALéRIE MASSADIAN

A XX edición do Festival de Cans contará coa presenza da cineasta e fotógrafa franco-armenia Valérie Massadian. O certame dedicaralle o Foco Internacional, cunha retrospectiva completa na que presentará as dúas longametraxes e sete curtametraxes, seis delas inéditas en España. Tamén participará na matinal do venres 19 de maio nun coloquio con outras realizadoras e realizadores galegos, dentro da sección “Café con Crea”.

Massadian, premiada nalgún dos festivais máis prestixiosos do mundo coma o Festival de Locarno, é autora dunha obra íntima e persoal, habitada por personaxes femininas dotadas dunha fortaleza única. Sobreviventes e loitadoras, as nenas ou mulleres que protagonizan as súas películas teñen en común unha fraxilidade rebelde, movida pola necesidade do agarimo e do afecto, e polo coidado dos demais ou dunha mesma. Un cinema cheo de xestos e voces que se negan a conformarse, onde o poético e o político van da man, xa sexa a través do silencio ou da palabra.

A cineasta franco-armenia é unha autora radicalmente independente, partidaria de traballar con equipos reducidos e de borrar as fronteiras entre a realidade e a ficción, cultivando a confianza das persoas que se converterán nas súas personaxes. Se a fotografía permitiulle desenvolver unha coidada estética visual, cun gran dominio da luz, a cor e o encadre, o cinema permítelle organizar o espazo para que as cousas sucedan ante a cámara case en tempo real.

A presenza de Valérie Massadian en Cans correspóndese coa liña emprendida nos últimos años polo festival de convidar a cineastas de prestixio internacional, cunha filmografía aínda en crecemento, e que tiveran experiencia previa no mundo da curtametraxe. Massadian súmase a outros realizadores que pasaron por Cans como o portugués Joao Nicolau, o brasileiro Kleber Mendonça Filho ou o alemán Hannes Stöhr. Un dos obxectivos da sección Foco Internacional é favorecer experiencias de intercambio e enriquecemento entre cineastas de Galicia e cineastas doutras partes do mundo, a nivel creación e mesmo produción.

A retrospectiva inclúe as dúas longametraxes que rodou ata o momento –Nana (2011), Mellor Película no Festival de Cinema de Locarno; e Milla (2017), Premio Especial do Xurado e Premio do Público no mesmo festival, entre outros. Tamén poderán verse sete curtametraxes e instalacións (seis inéditos en España): América (2013), Ninouche (2011), Solitudes. L’insomnie (2019), La tempête (2018), Care (2022), Mamoushka (2014) e Ire (2021).

Na semana previa do festival, no Centro Cultural do Porriño, poderán verse Nana,o venres 12 de maio e Milla, o sábado 1, con entrada gratuita. No seu sorprendente debut (Nana), a cámara de Massadian observa fascinada como unha nena, sen o coidado dos seus maiores, desenvolve un instinto de supervivencia inaudito. Na súa seguinte película, Milla, unha parella nova sumida nunha precaria e monótona existencia, converte unha casa abandonada nun refuxio para soñar e resgardarse da fría humidade de Normandía.

Nas súas curtametraxes resoa de novo esa resiliencia que caracteriza ás súas heroínas, pero as mulleres fálannos agora de maneira máis clara e directa. Tamén vemos nestes traballos, o gusto polo xesto, a observación metódica, a fascinación polo detalle.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *