Gañadores Festival de Cans 2022

“ROMPENTE”, DE ELOY DOMÍNGUEZ, E “TATUADO NOS OLLOS LEVAMOS O POUSO”, DE DIANA TOUCEDO, TRIUNFAN NO FESTIVAL DE CANS

O Festival de Cans baixou o pano este sábado coa Gala Final de Entrega dos Premios da súa XIX edición (coa colaboración de AGADIC). Rompente, de Eloy Domínguez, en ficción, Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, en Furacáns e As pétalas murmuran, de Arantxa Ramos, en Novas Camadas, fixéronse co Premio do Xurado á Mellor Curtametraxe.

O realizador do Salnés, Eloy Domínguez, que o ano pasado levantou o can de pedra por Os Corpos na sección Furacáns, de curtas de non ficción, triunfou este 2022 na de Ficción con Rompente. O xurado destacou a capacidade de enunciar unha realidade desde a limpeza da mirada desta obra, que viña de recibir o premio á mellor curtametraxe no Festival de Málaga. Rodada en diferentes localizacións da Costa da Morte, a película relata a historia dunha parella adolescente cun bebé, que loita por saír adiante. Protagonizada por dous mozos da zona non profesionais da interpretación, Sergio Valeirón igual que o seu personaxe na ficción tamén é bateeiro.

Diana Toucedo, galega residente en Barcelona e directora da premiada longametraxe Trinta Lumes, conseguiu o premio para a súa curtametraxe Tatuado nos ollos levamos o Pouso. Esta curta, que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, á beira da illa de San Simón, foi valoradapola cadencia das imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, aportando unha visión singular e poética sobre o traballo das mariscadoras”.

As pétalas murmuran foi a curta vencedora na sección Novas Camadas, de realizadores e realizadoras que fan a súa primeira obra e teñen menos de 25 anos. Arantxa Ramos, directora e produtora, encargada da fotografía e da montaxe, realizou este documental como un traballo de fin de grado da facultade de Comunicación da USC. O xurado salientou del a súa aproximación á memoria e o tratamento dos procesos migratorios.

Pola súa capacidade para estruturar unha proposta orixinal desde a converxencia de dúas miradas creativas, o xurado outorgou o premio á Mellor Dirección a Lois Patiño e Matías Piñeiro por Sycorax, que fixo dobrete e tamén acadou o Premio á Mellor Fotografía desta XIX edición.

O actor de Vigo, Santi Prego, coñecido polos seus papeis en series como Cuéntame, Néboa ou O sabor das margaridas, fíxose co galardón ao Mellor Actor pola súa actuación en Devoradora de nenos. Dela o xurado destacou a riqueza e variedade de rexistros que van da comedia ao drama. O premio á Mellor Actriz foi para Violeta Gil, de quen resaltaron a súa capacidade para dar solidez e soster a película a partir do monólogo que desenvolve como Andrea en Así vendrá la noche.

Outros dos galardóns desta noite foron para a banda sonora orixinal de Sauerdogs, composta pola gañadora dun Goya Zeltia Montes. A Mellor Fotografía recaeu en Mauro Herce, por Sycorax e o Mellor Guión levouno o realizador de Marín Ángel Santos pola “valentía e delicadeza da súa actualización do xénero epistolar” en Así vendrá la noche.

Reaction, a curta de animación de David Fidalgo, recibiu a mención especial do xurado “pola capacidade de provocar desde o humor empregando os recursos creativos dunha forma incisiva”. O xurado dos veciños outorgou o seu premio ao western Sauerdogs, do director vigués Guillermo de Oliveira e La entrega valeulle a Pedro Díaz o Premio do Público desta XIX edición do Festival de Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *