Eme Dj e Litus

O FESTIVAL DE CANS ESTREARÁ EN GALICIA OS DOCUMENTAIS SOBRE EME DJ E O CANTANTE LITUS

O XIX Festival de Cans que terá lugar do 18 ao 21 de maio, estreará en Galicia dous documentais: Miedo al miedo, dirixido por Menchu Esteban, sobre a coñecida disc jockey galega Eme DJ, e La historia de un cantante de pub, de Óscar Vilanova, no que se repasa a azarosa traxectoria de Litus Ruiz, o líder da banda do Late Motiv, que actuará no Invernadoiro de Cans acompañado do vigués Pablo Novoa.

Antes desa actuación, o Invernadoiro será tamén escenario da performance musical de Javi Álvarez, creador multidisciplinar que chega a Cans para mostrarnos moita da súa obra, en parte inédita, de videoclips a curtametraxes, pasando por pezas próximas á videocreación que non deixarán a ninguén indiferente. Máis coñecido por ser unha das metades, xunto co Jevi, do grupo Fluzo, Javi Álvarez é un interesantísimo creador visual sobre o que Festival de Cans quere poñer o foco nesta edición.

Eme DJ é unha das disc jockey máis recoñecidas na escena indie-disco estatal. Ten pinchado ante milleiros de persoas en festivais tan importantes como o Sónar, FIB Benicassim, BBK Live ou os MTV European Music Awards e nas principais pistas de baile de toda España, compartindo cartel, entre outros, con DJs da altura de David Guetta, 2Many DJs ou Danny Ávila. O documental Miedo al miedo narra como esta referente das platinas se enfronta á ansiedade antes de saír a pinchar.

Miedo al miedo, visibilizando os problemas de saúde mental

Hai uns anos Eme DJ confesou no seu primeiro libro Mamá, quiero ser DJ que sufría ansiedade cada vez que subía a unha cabina e se expoñía ante o público. Mesmo chegou a padecer ataques de pánico que a obrigaron a cancelar actuacións. Desde entón, fala abertamente sobre a saúde mental, tanto en entrevistas como nas súas redes sociais.

A realizadora Menchu Esteban leu o libro e viu unha historia que había que contar, e así o fixo. Acompañou a Marta nas súas actuacións e comezaron coa rodaxe do documental no 2019. O resultado é unha emocionante curta documental de 17 minutos estreada no último festival de Sevilla, e que agora se poderá visionar en Galicia no marco do Festival Cans o sábado 21 ás 16.30 h no Baixo de Carlos, con acceso gratuíto até completar capacidade. Pola noite, Eme DJ realizará unha sesión disco-chimpín.

Miedo al Miedo de Eme DJ

Litus Ruiz, o cantante de pub do documental de Óscar Vilanova

Litus Ruiz, o líder da banda do programa Late Motiv, é o protagonista de La historia de un cantante de pub, un documental de 30 minutos dirixido por Óscar Vilanova que narra o devir da carrerira do músico de Terrassa que conseguiu facerse coñecido grazas ao programa Late Motiv, presentado por Andreu Buenafuente.

Agora Litus ten logrado méritos que xamais tivera imaxinado, como a súa actuación en teatros, películas ou programas de radio e a realización de colaboracións musicais con outros cantantes. Dirixido por Óscar Vilanova, o documental proxectarase o sábado ás 20 h no Cuberto de Mucha do Peso.

Como fío condutor do documental, enlazáronse máis de vinte entrevistas personais a xornalistas como Santiago Alcanda ou Arancha Moren o, amizades e artistas célebres como Coque Malla, Leonor Watling ou compañeiros como Pablo Novoa, que actuará con el no Invernadoiro tralo pase da película.

Venda de entradas

A piques de esgotarse o primeiro pack de 200 entradas, á venda ata o 26 de abril ou ata finalizar a oferta, este martes poden adquirirse xa as entradas para as sesións de proxección e performance musical de Javi Álvarez, o pase do documental e o concerto de Litus no Invernadoiro. Serán unicamente 100 as localidades dispoñibles para este espazo a un prezo de 5€.

Todas as entradas, tanto para as proxecións nos jalpóns como para os concertos, poden adquirirse na tenda en liña do Festival de Cans.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *