O Festival de Cans quixo agradecer nestas datas de Nadal a colaboración de todas as veciñas e veciños da aldea, repartindo entre todos eles un chimpín cargado con 25 cestas navideñas, conducido polo chimpineiro Constante Romero.
Estas cestas valoradas en 50 euros, que se entregaron no Torreiro de Cans grazas ó apoio habitual de Gadis, patrocinador do festival, queren ser un agradecemento da organización a todas as persoas que durante o festival prestan desinteresadamente os seus baixos, galpóns ou adegas, para convertelos en salas de proxeción, lugares de concertos, zonas de comidas e convidados ou almacéns de produción.
O membro da organización Abel Gallego estivo presente na entrega e deu ás grazas a veciñas e veciños pola cesión das súas propiedades, incluso en momentos máis complexos, como o vivido nestas dúas últimas edicións, debido ás restriccións derivadas da pandemia.
Esta cesión é un feito que converte a Cans nun dos festivais máis singulares do mundo, ó permitir que as súas propiedades privadas se convirtan nuns días en espazos públicos, abrindo con xenerosidade as portas a todo o mundo para compartir cine, música ou coloquios e encontros.