Noelia Muíño e Alberto Vázquez, con senllos premios cada un para as súas respectivas curtas, volven trunfar en Cans. ‘Monte Bravo’, de Muìño, fÍxose cos premios á Mellor Película e á Mellor Dirección. O Festival entregou esta noite, na súa gala final, os galardóns correspondentes á 18ª edición (coa colaboración de AGADIC). A realizadora obtivera 3 galardóns con ‘The Widow’ en 2019. Alberto Vázquez gañara en tres ocasións na categoría de animación. Ademais, ten tres premios Goya. Agora, e coa curta ‘Homeless Home’, obtén os premios Mellor Banda Sonora –asinouna Víctor García– e Mellor Curta de Animación.
Muíño formouse como realizadora entre Santiago, Barcelona e New York. Con tres curtas realizadas ata o momento, xa obtivo premios en diferentes festivais.
‘Monte Bravo’ conta a historia dunha nena dunha aldea galega en tempos da postguerra. Un día, mentres xoga, ve ou cre ver un lobishome. Decide buscalo xunto ao seu irmán. Esa percura mergúllaos nunha relación chea de soedade, alegría e medo.
O filme ‘Deux Options’, de Gon Caride, tamén obtivo dous premios: ao Mellor Guión e ao Mellor Actor, compartido polos actores Jan Soja e Noël Faur. O xurado valorou “desenvolvemento enxeñoso e rico en recursos”. A curta conta a historia dun inmigrante que ten que afrontar a realidade do racismo en Francia, un dos países nos que viviu o realizador vigués Gon Caride.
Outros premios en ficción e animación
A intérprete Lidia Veiga fíxose co galardón Mellor Actriz pola súa actuación en “O que queda de nós”.
A relación de galardóns do xurado das sección de Ficción e Animación complétana os recoñecementos á Mellor Fotografía, outorgado a Marcos del Villar polo seu traballo en ‘Cabelo’, e a mención ao actor Ángel López pola súa interpretación en “Hai unha virxe alí arriba”.
O premio do Xurado dos Veciños foi para ‘Cineris’, de Carlos A. Quirós. Os veciños de Cans que este ano avaliaron as curtametraxes participantes salientaron “a maneira en que a curta achega ao público, facendo uso do humor negro, un tema como a morte dunha persoa”.
O xurado de Ficción e Animación do Festival de Cans estivo integrado este ano pola actriz e realizadora Sara Casasnovas, o director Alejandro Marzoa, a produtora e montadora Emilie Lescaux, o compositor e produtor Xavi Font, e máis o director e guionista Fon Cortizo.
O Premio do Público foi para a curta “O son da balea”, de Daniel Suárez Rubini.
FuraCáns, Novas Camadas e VideoClips
Entre as cintas competidoras na sección FuraCáns, gañou a curta ‘Os corpos’, de Eloy Domínguez Serén. O xurado optou por esta película “por ser un retrato dunha das tradicións culturais máis importantes de Galicia, abordando a etnografía dende un achegamento sensorial e inmersivo que fai partícipe ao espectador”. A curta de Domínguez Serén chegaba a Cans logo de ser premiada tamén en certames internacionais coma o IDFA de Amsterdam, o Bafici de Buenos Aires ou o Clermont- Ferrand en Francia.
O xurado desta sección, onde compiten os traballos documentais e de videocreación, e de Novas Camadas, estivo integrado polo director e produtor Guillermo García López, a documentalista, artista visual e docente Xisela Franco, e máis o crítico e escritor Jaime Pena.
A sección Novas Camadas incorporouse o ano pasado ao Festival para recibir traballos de creadores e creadoras noveis. E a curtametraxe gañadora desta súa segunda edición foi ‘Aleteado’, de Yuri Salgado Álvarez. O xurado recoñeceu o risco asumido polo realizador “na exploración de novas técnicas e estéticas, xogando coa imaxe máis pura e as texturas, para conseguir expresar deste xeito os medos e incertidumbres propios do actual contexto derivado da pandemia”.
‘One Gardening Day’, de Aarón Pérez Pardiñas, obtivo unha mención de honra nesta categoría.
O premio ao Mellor Videoclip foi para Veleno, de Baiuca, realizado por Adrián Canoura. O xurado formárono a deseñadora gráfica, música e compositora Elba Fernández, o músico, DJ e promotor Ramiro Mctersse Ramiroquai, e o programador cultural e xornalista musical Sergio Valbuena.
O Festival de Cans entregou esta noite, na súa gala final do seu día grande, os galardóns correspondentes á súa 18ª edición. Coa entrega dos premios remataba unha edición do certame na que competían 33 curtametraxes e 20 videoclips.
Foi a edición máis internacional do Festival de Cans, coa participación do historiador Ian Gibson, a presenza na liña do realizador brasileiro Kleber Mendonça Filho, ou coa presentación da sección Correspondencias, que naceu este ano para tender pontes entre cinestas de Galicia e América Latina.