Correspondencias con Eloy Domínguez

O FESTIVAL ESTREA ESTE ANO A SECCIÓN `CORRESPONDENCIAS´ E SELECCIONA 10 CURTAS DENTRO DA CATEGORÍA FURACÁNS

A XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro, estrea sección: chámase `Correspondencias´ e nace para amosar un diálogo en imaxes entre cineastas galegos con cineastas doutros países e fomentar un intercambio de ideas inéditas filmadas. Os encargados de botar a andar esta sección serán o cineasta galego Eloy Domínguez Serén e o colombiano Samuel Moreno, que mantiveron unha interesantísima correspondencia filmada da que se presentará un amplo avance nesta edición do Festival de Cans.

Eloy Domínguez (Simes, Meaño, 1985) estreará a sección ‘Correspondencias’. Domínguez é un dos cineastas galegos mais recoñecidos internacionalmente. Filmes seus coma “No cow in the ice” ou o mais recente “Hamada” participaron en algúns dos máis prestixiosos festivais do mundo. Foi premiado en certames coma o de Toulouse, o Porto/Post/Doc ou o Bafici de Buenos Aires. Eloy Domínguez intercambiará ideas filmadas con Samuel Moreno, cuxa primeira longametraxe, “El baile de la Iguana”, colleitou moi boas críticas a nivel internacional e pasou por certames como Visions du Reél.

Estas cartas fílmicas son pezas narrativas en primeira persoa, construídas dende a soedade. En moitos casos, foron realizadas en épocas duras de confinamento. Hai un nexo común nas temáticas: os contextos políticos. A pandemia ou os momentos precisos de axitación social en Colombia dos últimos meses, por exemplo, están moi presentes.

Xunta con estas dúas pezas inéditas, a sección sumará tamén a curtametraxe “Curta Nº4”, do cineasta Marcos Nine, e da correspondencia fílmica que no seu momento mantivo tamén con Eloy Domínguez Serén.

O acceso será de balde pero baixo rexistro, a partir dos vindeiros días, na tenda en liña do Festival de Cans. O aforo será de só 40 persoas.

FURACÁNS SEGUE MEDRANDO, CON DEZ OBRAS A COMPETICIÓN

A sección competitiva  Furacáns, adicada ás curtametraxes de non ficción que asumen un maior risco narrativo, continúa medrando en cantidade e calidade. Este ano participan 10 curtametraxes. O Festival aposta pola ollada feminina: o 60% son asinadas por mulleres.

Furacáns acollerá este ano 3 estreas absolutas: “Persoa, pobo, paisaxe”, unha fermosa curtametraxe realizada polo xovencísimo cineasta de Boiro Daniel Pérez Silva; “Só as árbores coñecen o son das balas”, na que Rebeca Lar explora de xeito arriscado no máis fondo dun macabro asasinato múltiple na Guerra Civil; ou “O Intruso”, a nova curtametraxe da cineasta e fotógrafa da Estrada Ariadna Silva.

Ademais, a sección do Festival adicada á non ficción acollerá a estrea en Galicia de “El jardinero clandestino”, unha interesante reflexión sobre a resistencia a través da ecoloxía urbana, obra da nova cineasta porriñesa Erea Pereiro e de Francisco Guirao, e “Eu Mais” de Ángel Montero, que chega a Cans logo de ser tamén seleccionada en festivais coma o Zinebi ou DocLisboa.

Por Furacáns pasarán tamén o novo proxecto da realizadora estremeña afincada en Galicia Dena Parro, “Perrunillas”, que pasou entre outros polo Festival Alcances;  “Marcas”, de Aldara Pagán, realizada dentro da súa estadía na Elías Querejeta Zine Skola; ou “Blanco y Fucsia”, da videoartista e cineasta Marta Valverde. Todas estas obras teñen unha forte compoñente autobiográfica e provocan interesantes reflexións arredor do xénero.

Completarán Furacáns senllas obras de dous cineastas que están tendo un gran percorrido en numerosos festivais internacionais. Por unha banda, Xacio Baño -dúas veces gañador do Can de Pedra na categoría de ficción- coa súa nova curta “Augas abisais”. O filme, unha indagación sobre unha parte do seu pasado familiar, xa pasou por festivais coma o de Málaga, o D´A Festival ou Clermont-Ferrand. Ademais, Eloy Domínguez competirá coa súa última curtametraxe “Os Corpos”, unha olllada irreverente sobre o entroido ourensán que xa foi proxectada en certames tan prestixiosos como o Bafici ou o Fic Xixón.

As entradas para esta sección de Furacáns sairán á venda este xoves na tenda en liña do Festival de Cans: https://tenda.festivaldecans.com/.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *