- Durante os seus catro días de duración, o Festival potenciou os coloquios e encontros e reforzou a programación adicada ao público infantil.
- Por primeira vez, descentralizouse a programación, espallando aos asistentes polas diversas actividades que deron comezo xa dende o mércores 24.
- Houbo un 100% de ocupación das prazas hoteleiras, mesmo dende días antes do festival, e moita xente buscou aloxamento en zonas limítrofes como Vigo, Tui ou Ponteareas.
- Dentro da sección oficial de curtametraxes “Einstein – Rosen” e “Aava”, ambas dirixidas por mulleres realizadoras, foron as pezas máis premiadas.
- Malia a enorme afluencia, houbo unha escaseza absoluta de incidentes e mesmo de atencións no punto médico do Festival.
A décimo cuarta edición do Festival de Cans congregou ao longo dos seus catro días de duración a unhas 13.000 persoas que esgotaron todas as sesións con entradas á venda. Sigue quedando patente deste xeito a existencia dun público fiel, tanto local como foráneo, moi diverso e con idades comprendidas entre os 0 e os 80 anos.
Entre toda a programación cómpre destacar o grande éxito que acadou a programación do xoves, reforzada nesta edición para conseguir atraer a xente xa dende os primeiros días do Festival ata o centro do Porriño. O bo tempo e as numerosas actividades programadas encheron as terrazas de todos os locais de hostelería cercanos á Praza do Concello. A Noite Gía dos Videoclips erixiuse como a que máis asistentes tivo na historia do Festival e, tanto os cociñeiros Mahou Cinco Estrellas do Restaurante Maruja Limón coma os novísimos DJs Electris Feels, atraeron a público xa dende a metade da tarde ata a celebración do concerto da banda Escuchando Elefantes, coa que rematou a xornada.
A nosa sección MiniCans e o Parque do río, o espazo pensado para os máis pequenos, consolidouse como o gran punto de encontro para as familias dende primeira hora da mañá ata a posta do sol. No tocante á parte da programación pensada para os máis pequenos e pequenas da casa, tanto o espectáculo de Polo correo do vento como os concertos de Cantarolas para xente miúda ou O Trío do Acivro foron un auténtico éxito. Ademais, no noso Cans do Futuro pasaron preto de 1.200 escolares e estudantes de escolas e institutos.
O Espazo Mahou na Leira de Alicia continúa sento un dos maiores puntos de encontro do Festival, con xente de xeito estable dende primeira hora ata a noite. Cómpre destacar o grande éxito que acadaron os concertos Mahou Cinco Estrellas de León Benavente -que esgotou entradas antes da súa celebración- ou Eladio y los Seres Queridos, que completou tamén aforo e sorprendeu aos asistentes á actuación cantando o tema “Havemos de ir a Viana” acompañado por Uxía. A zona volveu ser escenario do noso segundo “Dálle caña!”, un coloquio cun formato informal no que os curtametraxistas da sección oficial a concurso presentaron as súas producións ante o público e debateron sobre a aventura de iniciarse no audiovisual. Na Leira de Alicia-Espazo Mahou tamén se desenvolveu o noso habitual Coloquio na Leira, protagonizado nesta ocasión polo cineasta vasco Montxo Armendáriz, que conseguiu congregar a uns 500 asistentes.
Na liña dos coloquios e encontros, a estes dous temos que sumarlles tamén o noso I Encontro de realizadores e realizadoras de videoclips, o café con CREA -que contou coa presenza do director Guillermo García, gañador dun Goya polo documental Frágil equilibrio– ou os estreados nesta edición coloquios con AISGE, que levaron por nome “Taller da memoria”, “Actores e actrices: non é ouro todo o que reloce” e “Ser muller e actriz”.
Ademais, o encontro do público de Guillermo García trala proxección do seu filme foi un dos máis comentados polo público e a conversa mantida por Daniel Guzmán e Suso de Toro cos asistentes tras ver Mar de fondo será recordada como a protagonista dun dos momentos máis emotivos e do Festival, véndose parada ás veces sen que os protagonistas puidesen continuar ante a evidente emoción.
Grandes momentos Cans 2016
As nosas seccións A que andas? e Fill@s de Cans continúan a darnos os mellores adiantos do que está a pasar no noso audiovisual, á que se lles sumaron este ano Furacáns e Extra-Cans, nas que os realizadores e realizadoras amosaron as súas apostas máis arriscadas.
Os concertos de Corizonas, Adrián Costa & The Cryers e Terbutalina foron multitudinarios e encheron o Torreiro ata a bandeira, cun entregadísimo público que non deixou de bailar e cantar en ningún momento. Ademais, os asistentes tamén responderon de xeito positivo en todas as actividades dos espazos de programación paralela do Festival: o Cans Voulevar, a Sala Multiusos, o Baixo de Bugarín ou o Jalpón de Alicia, que encheu por completo todas as súas sesións e incluso tivo que acoller algún pase doble ante a insistencia do público, como sucedeu coa estrea mundial de “Ninguén che quere”, o novo videoclip de Terbutalina.