O Festival de Cans, cuxa XX edición terá lugar nesta aldea de O Porriño do 16 ao 20 de maio, elexiu para a súa sección competitiva Furacáns un total de dez curtametraxes, das cales seis serán estreas e oito delas, un 80% do total, están dirixidas por mulleres cineastas.
A sección Furacáns, adicada ás obras de non ficción e a autores que na maioría dos casos asumen riscos narrativos afastándose de fórmulas máis convencionais, é unha sección que experimentou un gran crecemento nos últimos anos e atrae a un tipo de público ávido de ensanchar a súa mirada.
Esta sección terá nesta edición unha maioría aplastante de mulleres cineastas, xa que oito das dez obras seleccionadas están dirixidas por realizadoras, nun grupo que mextura cineastas experimentadas con creadores emerxentes e interesantes debutantes.
Entre as estreas que terán lugar en Cans estarán “My Truth”, unha interesantísima curta que reflexiona sobre a conexión entre imaxes e diferentes testemuñas relacionadas coa saúde mental, dirixida pola debutante Marta Bouzas ou “Ningún Deus”, de Miriam Opazo, un orixinal e profundo achegamento autobiográfico ao entroido ourensán a través das máscaras, a identidade e a iconografía. Tamén se poderá ver por primeira vez rematada a obra “Notas sobre a violencia” de Marta Valverde, unha creación impactante sobre a normalización da violencia na vida cotiá. Outra das estreas absolutas que poderemos ver nesta sección de non ficción é “Envés”, o novo traballo da cineasta Ángeles Huerta, directora do filme “O Corpo Aberto”, no que experimenta na construcción de imaxes partindo dun diálogo cos versos da poeta Rosalía Fernández Rial.
As dúas obras que terán a súa estrea en Galicia son “Tegoyo” de Guillermo de Oliveira e “A Lingua resiste no estómago dun agricultor morto” de Acacia Ojea. Esta última toma un título da poeta Lupe Gómez, da que extrae moitos dos seus versos para indagar nun proceso de dixestión da identidade e o respecto pola terra e a tradición.
Pola súa banda, “Tegoyo” é o novo traballo de Guillermo de Oliveira, que en 2019 foi finalista dos Goya ó mellor documental por “Desenterrando Sad Hill”. Oliveira rodou esta curta en Lanzarote, tutelado polo mítico cineasta Werner Herzog, na que colocou a experiencia sonora e sensorial no centro do relato.
Na sección de Furacáns tamén estará a curta “Hondarrak”, de Marta Gómez e Paula Iglesias. Unha mirada con perspectiva feminista, que pasou por Zinebi ou o Festival de Nova Orleáns, que afronta a crisis dos coidados e cuestiona un modelo que permanece inamovible. As autoras foron tamén en 2021 finalista dos Goya á mellor curta documental por “Solo son Peces”. O achegamento á memoria histórica desde unha ollada contemporánea tamén está presente nesta sección con “Mariví, na pel da memoria” das irmáns Coral e Laura Piñeiro, sobre a vida de resistencia da galega Mariví Villaverde.
As curtas que completan a sección son “O Amor É Agua que corre”, da cineasta Claudia Pineda, que xa o pasado ano pasou por esta sección, e “Malgrat”,un relato autobiográfico construido en base a un arquivo familiar, obra de Santi Teijelo.
Relación de Curtas a competición na categoría Furacáns 2023
- MY TRUTH de Marta Bouzas / 2022 / Estrea absoluta.
- NINGÚN DEUS de Miriam Opazo / 2023 / Estrea en festivais.
- A LINGUA RESISTE NO ESTÓMAGO DUN AGRICULTOR MORTO de Acacia Ojea / 2022 / Estrea en Galicia.
- HONDARRAK de Paula Iglesias e Marta Gómez / 2022.
- NOTAS SOBRE A VIOLENCIA de Marta Valverde/ 2022 / Estrea absoluta.
- O AMOR É ÁGUA QUE CORRE de Claudia Pineda / 2022.
- TEGOYO de Guillermo de Oliveira / 2023 / Estrea en Galicia.
- ENVÉS de Ángeles Huerta e Rosalía Fernández Rial / 2023 / Estrea absoluta.
- MALGRAT de Santi Teijelo / 2023.
- MARIVÍ, NA PEL DA MEMORIA de Coral Piñeiro e Laura Piñeiro / 2022.
A competición da categoría Furacáns celebrarase o sábado, 20 de maio, día grande do Festival de Cans. A organización pon á venda 75 entradas para a sesión matinal e 150 para a sesión de tarde, a un prezo de 6 euros que poden adquirirse a través da tenda en liña do Festival de Cans.
*Na apertura, imaxe do filme “Tegoyo” de Guillermo de Oliveira.