A xornada de onte en Cans trouxo un dos momentos máis emotivos do festival co reencontro das actrices que hai 25 anos foron protagonistas dunha das series históricas do audiovisual galego, “Mareas Vivas”. Isabel Blanco, Camila Bossa, Sonia Castelo, María Louro e Ana Santos volveron a xuntarse e falaron sobre as súas vivencias de hai más de dúas décadas e sobre o papel da muller no cinema e o audiovisual galego na actualidade. Xa pola noite foi a apertura oficial do festival coa proxección no Círculo Cultural de O Porriño da longametraxe, “Honeymoon”, do director Enrique Otero, á que asistiou parte do equipo do filme.
O coloquio organizado pola Fundación AISGE no que participaron as actrices de “Mareas Vivas” serviu non só de reencontro dun grupo de vellas compañeiras senón tamén foi unha oportunidade para reivindicar o papel das mulleres no audiovisual galego e sinalar que algunhas barreiras seguen sen ser superadas. Camila Bossa sinalou, por exemplo, que as mulleres, a partir de certa idade, seguen a contar con menos oportunidade de traballo ca os homes aínda que “a idade ás mulleres séntanos moi ben e eu, particularmente, agardo seguir facendo películas ata os 80 anos”.
Pola súa banda, a actriz e agora tamén directora teatral Sonia Castelo indicou que as mulleres son capaces de traballar en terreos moi diversos do audiovisual, aparte da actuación, e puxo como exemplo a obra que actualmente dirixe na que traballan unha maioría de mulleres. Isabel Blanco coincidiu con Bossa na escaseza de papeis para mulleres no audiovisual actualmente e Ana Santos apuntou que hai moitas persoas neste sector que pensan que as mulleres teñen que comportarse dun xeito determinado cando a realidade e que, como os homes, poden desenvolver roles moi diversos.
Durante o coloquio puido verse tamén a intervención con mensaxes gravadas dalgunha outra protagonista da serie, como Mela Casal, Patricia Hernández ou Isabel Naveira. Esta última fixo público o seu agradecemento ás mulleres que escriben ou que dirixen dentro do sector. Isabel Blanco apuntou as dificultades que teñen as mulleres para arrancar iniciativas no audiovisual “e máis tendo en conta que os homes fan lobby e nós non”.
APERTURA OFICIAL CON “HONEYMOON”
A xornada proseguiu con coloquios, visitas de escolares e roteiros. Xa pola tarde os actos trasladáronse a O Porriño onde na Praza do Concello tivo lugar un Showcooking e alí tamén arrancou ua procesión de chimpíns, o vehículo característico de Cans. Ás 20:30 proxectouse o filme “Honeymoon”, dirixido polo director Enrique Otero, un auténtico fillo de Cans que participou moitas veces no festival de distintas maneiras. Na proxección estiveron presentes membros do equipo da película como a actriz María Vázquez e o actor Antonio Durán “Morris”. Despois do filme tivo lugar a actuación da cantante Paloma, tamén no Circulo Recreativo.
AMPLA PROGRAMACIÓN PARA O VENRES
Hoxe venres Cans vivirá unha das xornadas grandes cunha programación moi ampla ao longo de todo o día. A primeira hora da mañá haberá un encontro coa invitada internacional desta edición, a realizadora franco-armenia Valérie Massadian no Baixo de Carlos. Ás 12:30 terá lugar un coloquio sobre “Honeymoon” no Torreiro no que participarán Enrique Otero, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, que posteriormente asistirá á colocación da súa nova Estrela no Torreiro. Xa pola tarde haberá diversas proxeccións, entre elas a da longametraxe “Sica”, de Carla Subirana, e ás 20:00 terá lugar a actuación de Fillas de Cassandra no Torreiro.
Media hora antes do concerto, ás 19:30 terá lugar a colocación da Estrela de Nathalie Poza no Torreiro e ás 21:00 será a de Luis Zahera. e despois celebrarase a Noite das Homenaxes, coa entrega dos distintos premios que concede á organización neste ano. O Pedigree de Honra será para o propio Zahera. Xa como remate terá lugar a actuación de Los Punsetes e de EME DJ no Espazo Estrella Galicia da Leira do Rio.