1. O concurso terá lugar en O Porriño, no entorno da praza do Concello, o xoves 19 de maio de 2022.
2. Ubicación: cada participante desfrutará dun lugar asignado pola organización. Os e as participantes non poderán cambiarse de sitio, salvo condicións meteorolóxicas adversas (nese caso, reubicaríanse noutro lugar).
3. Participantes: só se admitirán candidaturas de persoas maiores de 16 anos.
4. Inscrición: os e as candidatxs poderán inscribirse enviando un correo electrónico a pinturarapida@festivaldecans.com con data límite, domingo 24 de abril.
A tal efecto, no correo deberán manifestar o seu desexo de participar no concurso e incluir os seus datos persoais (engadindo as súas contas en redes sociais, se as teñen), a súa formación e un portfolio, ben sexa imaxe, documento en pdf ou calquera outro formato no que se poidan ver algúns dos seus traballos.
5. Elección dxs finalistas: unha comisión de persoas da organización do festival escollerá as 10 propostas finalistas.
Unha vez elixidas, se lles comunicará a través dun correo electrónico aos e ás agraciadxs a súa condición na semana que vai dende o 25 de abril ao 1 de maio.
6. Horario: a obra deberá ser pintada entre as 15h e as 20.30h.
7. Temática: “Pintar o cine”. Será preciso elaborar unha obra que conteña unha escena dunha película coñecida e que inclúa a silueta do can de Cans (permitirase levar fotografía como guía).
8. Soporte e material:
- A técnica será libre e o soporte será presentado en branco para o sellado no propio día.
- As dimensións mínimas do lienzo ou taboleiro serán de 60 * 55 cm. e as máximas de 100 * 120 cm.
- Cada participante aportará o material necesario para a elaboración da súa obra.
*A organización facilitará aos e ás participantes auga para a realización de mezclas e o lavado de material.
8.1. Manutención: a media tarde a organización aprovisionará a cada participante cun lote de merenda.
9. Xurado: estará composto por tres persoas relacionadas co mundo da arte. A súa composición será anunciada antes do concurso.
10. Votación: as obras serán expostas de 20.30h a 21.30h nos seus respectivos soportes e serán evaluadas polo xurado, que lles comunicará aos ou ás gañadorxs o veredicto na mesma xornada (posteriormente o resultado será comunicado a través das redes sociais do festival).
A decisión do xurado será inapelable.
11. Premios.
- 1º Premio: 400€ + Estatuiña en pedra realizada polo artesano local Paco Candán.
- 2º Premio: 200€ + Estatuiña en pedra realizada polo artesano local Paco Candán.
O 1º e 2º Premios serán entregados aos gañadorxs durante a Noite das Homenaxes que terá lugar en Cans o venres 20 de maio.
12. Exposición das obras.
As obras quedarán baixo o coidado da organización e serán exhibidas durante a xornada do sábado en espazos onde teñan lugar actividades do festival.
13. Devolución das obras.
A obra gañadora pasará a ser propiedade do Festival de Cans, o cal se reserva os dereitos sobre a mesma, incluido o de reprodución, sen negar a autoría do / a artista. O resto de obras, poderán ser recollidas a semana seguinte á finalización do festival.
14. Normas sanitarias.
Establécese como condición sine qua non para os / as participantes o cumprimento das normas que sinale a organización en materia sanitaria que estarán baseadas na lexislación vixente no día do concurso.
O incumprimento destas normas significará a expulsión inmediata do concurso.