A XXI edición do Festival de Cans arrancou onte coas primeiras visitas de grupos de escolares á aldea para coñecer in situ o evento e coa inauguración da Rúa Efémera, que estará aberta durante todos estes días e coa que se rende homenaxe á productora e ex-presidenta de Agapi, Dolores Ben. Xa pola noite tivo lugar a presentación no Centro Cultural do Porriño do documental “Acordamos”, dirixido por Uxía e por Lucas Terceiro, e coa actuación posterior da cantante Antía Muiño, que tamén participa no filme.
A cantante e activista cultural Uxía explicou que “Acordamos” e un proxecto que continúa coa temática xa iniciada co documental “Acorda” (2021) sobre a represión franquista e,neste caso, trátase de poñer en valor unha serie de iniciativas pioneiras no sector educativo, cultural e sindical que puxéronse en marcha durante a Segunda República en Galicia e foron esnaquizadas co ascenso ao poder do franquismo. “O noso obxectivo é contar ás novas xeracións o que pasou con estes proxectos tan interesantes e lembrar que hai que loita polos nosos dereitos para que non se repita a historia”, indicou Uxía.
O filme non é un documental convencional xa que a música ten un papel moi importante, coa presenza de grupos e artistas que colaboraron especialmente para a película con cancións que teñen moito que ver coas historias que se están a contar. Woyza, Treixadura, Antía Muiño, Luis Pastor, Malvela e Celina da Piedade son algúns dos intérpretes que participan no documental. Precisamente trala proxección do documental no Centro Cultural do Porriño, houbo un concerto coa presenza de Antía Muiño á que Uxía acompañou para interpretar un dos temas do filme.
Entre as historias que se contan en “Acordamos” atopamos a do proxecto educativo da escola “Aurora do Porvenir” de Tomiño, a da Fraternidade Mariñeira de Moaña, a da Caixa Rural do Lérez, a da República Independente da Illa de Arousa ou a dos Mártires de Sobredo (parroquia de Tui). “Utilizamos a música para reforzar as historia e así tamén facelas máis accesibles para as novas xeracións. A verdade é que cada unha das historias daría para facer unha película ou unha serie porque son moi potentes”, sinalou Uxía.
HOXE HOMENAXE A KEPA JUNQUERA E A NOITE DOS VECIÑOS
Despois da xornada inaugural de onte o festival vai tomando impulso e para hoxe mércores xa comenzarán os coloquios, como o dedicado pola Fundación Aisge ao tema “Actores e actrices, profesión de risco”, que contará coa presenza de Iván Arpa, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Deborah Vukusic (Baixo de Carlos.12:30 horas). Tamén comezarán as proxeccións da sección Novas Camadas e chegará a esperada homenaxe ao músico vasco Kepa Junquera, que dará nome a o Jaliñeiro de Cans e recibirá o cariño da aldea e de moitos amigos que chegarán para a ocasión. Uxía será unha das persoas que estará presente e comenta que o artista está moi emocionado por volver a Cans dez anos despois da súa histórica actuación no Jaliñeiro xunto ao gran acordeonista da Costa da Morte Pazos de Merexo. A homenaxe tamén inclúe a proxección no Baixo de Carlos (19:00h) de dúas curtas documentais sobre o propio Kepa Junquera.
A xornada do mércores terminará no Torreiro de Cans coa Noite dos Veciños, na que estreárase o documental “Don Cesáreo, o cura da Vespino”, de Juanma Lodo, e haberá actuacións musicais das Pandereteiras de Cans e do grupo Acordecans, entre outras actividades.