O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición nesta aldea de O Porriño, entre o 21 e o 25 de maio, acordou conceder o seu Premio Pedigree de Honor á actriz María Vázquez, unha das intérpretes máis destacadas do cinema galego dos últimos anos. Vázquez estivo nominada ao Goya á Mellor Actriz este ano polo seu traballo en “Matria”, filme polo que recibiu en 2023 a Biznaga de Oro á Mellor actriz no Festival de Málaga. A concesión do galardón foi decidida pola asamblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival. Vázquez releva na máxima distinción en Cans a Luis Zahera, que recibiu o premio o ano pasado.
María Vázquez é, sen dúbida, unha das actrices galegas mais destacadas da súa xeración e a pesar da súa xuventude xa conta cunha longa traxectoria de 25 anos no cinema español, con participación en preto de vinte filmes ás ordes de directores como Montxo Armendáriz, Icíar Bollaín, Isaki Lacuesta ou Paco Plaza, ademais dos seus traballos en numerosas series de televisión e obras de teatro. Precisamente nestes días estreáse o filme “Los pequeños amores”, dirixido por Celia Rico, que obtivo o Premio do Xurado no Festival de Málaga e protagonizado pola actriz galega.
Intérprete de gran versatilidade, María Vázquez destaca polo seu traballo exhaustivo na construción de personaxes, aos que sempre parece transmitir a súa propia enerxía. O Festival de Cans recoñece tamén en María Vázquez o seu papel como persoa socialmente comprometida e a súa aportación para transformar a sociedade dende unha ollada feminista, así como a súa reivindicación da orixe rural.
O Festival de Cans valora tamén que, malia á repercusión que ten acadado como actriz, siga participando en proxectos de curtametraxes, así como a enorme conexión que a actriz estableceu coa xente da aldea de Cans nas veces nas que pasou polo festival. É a cuarta actriz á que se lle concede o Premio Pedigree de Honor en 21 edicións do evento. En anteriores ocasións foron premiadas Mabel Rivera (2006), María Pujalte (2011) e María Bouzas (2014).
Además da concesión do premio, María Vázquez colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o venres 24 de maio, á beira doutros homenaxeados como Jorge Coira, Luis Zahera, Luis Tosar ou Margarita Ledo.
O actor “Tatán”, o debuxante Luis Davila e a veciña Señora Fermina, chimpíns de prata
Outros dos galardóns honoríficos do Festival de Cans son os Chimpíns de Prata, que premian o impulso e a relación de profesionais e veciños co certame. O Chimpín de Prata “Pepe Puime”, será nesta edición para a actor, Eduardo Rodríguez “Tatán”, historicó actor galego con máis de 40 anos de carreira. Ten participado en quince longametraxes, numerosas obras de teatro e máis de dez curtametraxes. Pola última delas, “O coidado”, recibiu o pasado ano o premio ao Mellor Actor no Festival de Cans. Nestes momentos, participa como actor no filme “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, que se roda estes días.
Coñecido polo seu traballo ao fronte da compañía de títeres Tanxarina, Tatán foi recoñecido con algún dos máis prestixiosos premios teatrais de Galicia, como o Dorotea Bárcena que concede Fetega de O Carballiño, O Premio da MIT de Ribadavia, o Premio de interpretación Maruxa Villanueva (2018), ou o Xograr de Ouro da FIOT de Carballo. Ademáis da súa dilatada traxectoria como actor, este chimpín de Prata é un recoñecimento a una persoa moi querida na profesión e sempre disposto a colaborar co Festival de Cans ao longo da súa historia.
Luis Davila, “O Bichero”
O Chimpín “Divina Campos” será para o ilustrador e debuxante Luis Davila (Bueu, 1972), un dos artistas máis populares de Galicia neste apartado. Davila converteu ó seu personaxe “O Bichero”, nun símbolo da iconografía popular galega. A súa viñeta diaria en Faro de Vigo, e o seu agudo sentido do humor é seguido por milleiros de persoas.
Desde a primeira edición do Festival de Cans, Davila instaurou unha tradición: realizar cada ano unha viñeta sobre o festival, dimensionando e potenciando os elementos do festival, como jalpóns, cortellos ou chimpíns, mesturados con ideas arredor de filmes míticos do cinema ou actores e directores moi coñecidos. Luis Davila non só recibirá este ano o Chimpín de Prata, senón que haberá unha exposición arredor do seu traballo con Cans como inspiración.
A Señora Fermina do Pouso, chimpín dos veciños
Ademais, como cada ano, o Festival de Cans concede un Chimpín de Prata o labor desinteresado dunha veciña ou veciño na súa aportación ao Festival de Cans. Nesta ocasión o galardón recaerá na muller máis vella da aldea: Fermina Fernández, a Señora Fermina do Pouso, que está próxima a cumprir os 100 anos de idade.
A Señora Fermina, residente no barrio da Graña onde naceu, é a memoria viva da nosa aldea. Desde hai varios anos colabora prestando a súa testemuña ao Proxecto Cans 303, onde se realizan documentais colectivos que recuperan a memoria da aldea en ámbitos que van dende o contrabando aos bares pechados, ás feirantas ou ás tradicións. A señora Fermina traballou durante a súa vida como costureira polas casas e como vendedora ambulante, sempre combinando coa dura vida do traballo no campo, e coa súa memoria prodixiosa que se presta a rexistrar ano tras ano.