O XIX Festival de Cans, celebrado esta fin de semana, recibiu máis de 10.000 persoas no seu regreso ás datas primaverais. A metade do público pasou por Cans o sábado, día grande do festival, no que hubo un grande ambiente e un comportamento exemplar por parte do público.
A principal afluencia de xente produciuse no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río. Os concertos nocturnos de Amparanoia o venres e Dakidarría o sábado encheron a carpa desta localización cunhas 1.500 persoas contabilizadas entre o público. Foron, xunto coa actuación de Los Vinagres o sábado pola tarde, os eventos máis concorridos desta edición.
Á marxe dos concertos gratuítos, destacou o multitudinario Coloquio na Leira con Daniel Monzón, ao que asistiron preto de 300 persoas que puideron saber máis das experiencias deste cineasta mallorquín, autor de películas como Las leyes de la frontera e Celda 211. Monzón tamén protagonizou un dos momentos máis emocionantes do festival ao deixar a súa pegada e descubrir a súa placa no Torreiro das Estrelas do Festival de Cans.
Emocións e moita ledicia vivíronse tamén nos momentos máis especiais deste certame, como a entrega dos chimpíns de prata ao actor Federico Pérez, o crítico cinematográfico Javier Tolentino e os veciños Marisol Troncoso e Alfonso González, xunto co premio de honra Pedigree 2022 á cineasta Margarita Ledo que cativou o público no Torreiro cun discurso sobre “a importancia das cousas pequenas”.
A Gala Final de Entrega de premios, celebrada o sábado á noite, rematou xa de madrugada coa entrega do Premio do Público do certame, que foi para a curtametraxe La entrega. Dirixida por Pedro Díaz e protagonizada polo veterano actor Ramón Barea, a obra tivo a súa estrea absoluta en Cans.
O Festival viviu outros momentos máxicos e irrepetibles, coma o da actuación de Litus e Pablo Novoa no Espazo Rei Zentolo do Invernadoiro. Cun público entregado coreando os temas, unha tromba de auga obrigou a parar o concerto. Os músicos decidiron daquela seguir a festa nun jalpón cunha festa improvisada a ritmo de rumba que deixou un dos momentos para o recordo do festival.
Pese á grande afluencia de xente que se achegou a Cans, a aldea non viviu en ningún momento sensacións de agobio, cos espectadores repartidos nos máis de dous quilómetros de perímetro por toda a aldea. Nas proxeccións, coloquios ou encontros nos jalpóns, no torreiro, no Parque do Río ou nos bares de Cans, que encheron as súas terrazas durante toda a xornada, ademais de artistas participantes nesta edición, deixáronse ver entre o público moitas outras caras coñecidas do audiovisual galego coma Carlos Blanco, Miguel de Lira, Melania Cruz, Víctor Fábregas, Álvaro Cervantes, Cris Iglesias, Eduardo Rodríguez “Tatán”, a cantante Uxía –que actuou por sopresa no roteiro con Xurxo Souto– ou directores como Alberte Pagán.
A volta dos colexios e centros educativos ao festival, foi outra das grandes noticias desta XIX edición, pola que pasaron preto de 500 rapaces nas matinais de Cans durante a semana. Tamém foi multitudinaria a estrea do primeiro capítulo da serie Rapa, á que asistiron o xoves 250 personas no Círculo Recreativo do Porriño. Os diferentes coloquios que tiveron lugar no Torreiro, por onde ademais de Margarita Ledo pasaron todos os realizadores das seccións oficiais a competición de ficción, Furacáns e Novas Camadas, achegáronse aos 200 espectadores, coa capacidade deste emprazamento completa.
O primeiro -festival de Cans celebrado trala pandemia, supuxo tamén a volta das actividades familiares que permitiron gozar á cativada cos MiniCans Gadis, que incluíron actuacións como a do Trío Acivro, Polo Correo do Vento ou Magín Blanco, todas coa cabida completo. O público infantil tamén puido asistir ás proxeccións na Caixiña de Mistos, onde houbo que aumentar as sesións previstas, ante a gran concorrencia recibida.
Malia ao gran volume de xente que pasou pola XIX edición deste certame, apenas houbo que rexistrar incidentes no parte do equipo médico, indicador un ano máis do excepcional comportamento do público que este 2022 volveu encher o Festival Cans.
*Na foto de apertura, concerto da banda canaria Los Vinagres o sábado pola tarde no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río.